20 noviembre 2008

QUINTANA APELA A EDUCAR NOS VALORES DA CORRESPONSABILIDADE COMO CLAVE PARA ACADAR UN FUTURO DE IGUALDADE EN GALIZA

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, salientou a importancia de educar hoxe aos nenos e nenas nos valores da corresponsabilidade como clave para sentar as bases da Galiza da igualdade do futuro. Para Quintana avanzar na corresponsabilidade é avanzar na igualdade, e lembrou que é preciso implicar á infancia, á adolescencia e á xuventude no traballo para acadar unha sociedade xusta e igualitaria.
O vicepresidente do Goberno galego fixo estas declaracións hoxe en Santiago na presentación da campaña a prol dos dereitos da infancia desenvolvida polo seu departamento. A presentación faise pública hoxe con motivo da celebración do Día Universal dos Nenos e Nenas, un día no que se conmemora que fai hoxe 19 anos a Asemblea Xeral das Nacións Unidas ratificaba a Convención dos Dereitos da Infancia. Precisamente neste senso, Anxo Quintana lembrou que esta convención recolle, entre outros, o dereito que teñen nenos e nenas a recibir unha educación encamiñada a fomentar o seu desenvolvemento e participación plena nunha sociedade baseada na igualdade de xéneros. “O dereito a medrar en igualdade é un dereito fundamental de nenos e nenas”, subliñou.
Na presentación destas actividades conmemorativas tamén participaron a secretaria xeral da Igualdade, Carme Adán, e a secretaria xeral do Benestar, María Xesús Lago. No acto tamén estiveron presentes nenos e nenas de varios colexios, que prepararon os petiscos durante a mañá como actividade ademais para aprender a importancia dos valores de igualdade na vida cotiá. Durante o acto, os cativos tamén estiveron lendo redaccións das que presentaron ao concurso organizado nesta campaña.
A estes nenos e nenas que hoxe participaron no acto, o vicepresidente recordoulles a importancia dos dereitos dos nenos. “Aquí todos tedes máis ou menos cubertos os dereitos dos nenos, pero é bo que todos lembremos que no mundo non todas as cousas son tan fáciles”. E por iso lembrou que é tan importante a educación en igualdade, “como os pinchos que cociñáchedes hoxe todos e todas, pois é bo que vós, que estades empezando a vida, o teñades máis asumido do que o tiñamos nós antes. Todo o que se fai nas catro paredes dunha casa corresponde a todos os que viven na casa, homes e mulleres. O que agardo é que a vosa xeración rache coa idea de que hai traballos pra homes e traballos para mulleres”, díxolles hoxe Quintana aos nenos e nenas.
Misión EOS
Este ano a campaña a prol dos dereitos da infancia emprendida desde a Vicepresidencia da Xunta inclúe, como principal novidade, un videoxogo. Misión EOS é un xogo ambientado no futuro no que os seus protagonistas terán como misión protexer e desenvolver os roles sociais igualitarios. Noa, Ton e Bebé, tres irmáns que viven no ano 2328, un mundo que destaca, entre outras características, por se igualitario e xusto. Pero precisamente no día no que se conmemora o logro da igualdade comezan a aparecer en distintos puntos da galaxia galega diversas personaxes grises que ameazan ese mundo acadado. Os protagonistas, coa axuda dun guía chamado Superobot, terán como misión devolver a igualdade e a corresponsabilidade ó seu universo.
O xogo desenvólvese en oito probas, un total de 8 misións que achegan aos xogadores e xogadoras distintos retos aos que se enfrontan na vida diaria homes e mulleres. Os escenarios nos que os protagonistas deben xogar relaciónanse con distintos eidos vencellados ás diferenzas de roles sociais de homes e mulleres, como poden ser o lecer, o traballo, o recoñecemento social ou as tarefas domésticas.
Tal como explicou Quintana, o xogo ten un dobre obxectivo xa que, por unha banda, pretende visibilizar o traballo realizado polas mulleres, facilitar o seu recoñecemento social e rachar con estereotipos sexistas, educando ludicamente aos nenos e nenas na corresponsabilidade; e por outro lado aposta por incorporar a innovación e as novas tecnoloxías á educación para a igualdade grazas o seu carácter de produto multimedia interactivo.
O xogo Misión EOS é un xogo creado no marco do Plan Estratéxico Galego da Infancia e da Adolescencia (PEGIA 2007-2010), da Secretaría Xeral do Benestar, como parte da campaña da Secretaría Xeral da Igualdade coa que se conmemora o 19 aniversario da ratificación da Convención dos Dereitos da Infancia.
Concurso de redacción
Outra das iniciativas enmarcadas na campaña desenvolvida pola Vicepresidencia da Xunta inclúese un concurso de redacción na que os participantes deberán traballar sobre os temas da Convención dos Dereitos da Infancia ou sobre o 19 aniversario da ratificación deste documento por parte das Nacións Unidas. Poderán participar neste certame todos os estudantes de 5º e 6º curso de primaria dos colexios públicos de toda Galiza, e a data máxima para presentar os seus traballos ata o 28 deste mes.
O 17 de decembro a Vicepresidencia da Xunta dará a coñecer a cada colexio o nome dos gañadores, datos que tamén serán publicados nas páxinas web www.vicepresidencia.xunta.es e www.igualdadegaliza.org. Os centros gañadores recibirán como premios exemplares do videoxogo Misión EOS.