22 noviembre 2008

SUÁREZ CANAL DESTACA O CAMBIO DE MENTALIDADE SOCIAL QUE IMPLICAN MODELOS DE VALORIZACIÓN DO MONTE GALEGO

SILLEDA/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- O conselleiro do Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, acompañado polo director xeral de Montes e Industrias Forestais, Alberte Blanco, e polo director xeral de Xuventude e Solidariedade, Rubén Cela, inaugurou esta mañá a Convención de Unidades de Xestión Forestal e de Agrupacións Veciñais de Vixilancia Forestal que se celebra no marco da Semana Internacional de Galiza. Suárez Canal destacou durante a súa intervención o cambio de mentalidade que se está a producir na sociedade galega cara a valorización dos recursos forestais propios, atendendo á gran resposta que están recibindo iniciativas como as UXFOR, as AVVF e o programa de voluntariado en defensa do monte galego.
O conselleiro lembrou que nos últimos anos, Galiza arrastraba unha situación na que os propietarios forestais, debido ao pequeno tamaño das súas propiedades, deixaron de xestionar o seu monte, o que derivou na situación de abandono duns recursos que na realidade supoñen un importe potencial, tanto económico, como social e cultural. “Á hora de poñer en valor o monte galego e transformar a realidade actual, atopámonos con que o propietario forestal carece, na maioría dos casos de ningún tipo de asesoramento profesional e a miúdo reducen as súas accións á venda de madeira, sen profundar noutro tipo de aproveitamentos posibles” sinalou o conselleiro, ao tempo que incidiu en que “neste contexto, a Consellaría do Medio Rural está a actuar con medidas normativas, de asesoramento e de apoio aos propietarios forestais que estean dispostos a apostar por un cambio de rumbo para o monte galego”. Suárez Canal definiu este tipo de programas como “medidas encamiñadas non só a sacar proveito no mercado existente, senón que van máis aló, pasando por manter e recuperar a calidade do noso monte, incentivando as especies arbóreas autóctonas, os plans de ordenación, e unha correcta e adecuada limpeza para superar a lacra secular do lume que o noso país vén padecendo”.