19 enero 2009

Otra vez mal tiempo y mar de fondo

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- A Dirección Xeral de Protección Civil da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza avisa dun episodio meteorolóxico adverso por mar de fondo, que afectará ás augas costeiras da Comunidade Autónoma de Galicia e que comportará a activación do nivel de alerta vermello. Segundo informou a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), as ondas no mar poderán superar os 7 metros de altura a partir de mañá martes. Tamén, o vento en mar acadará a Forza 8 entre Fisterra- Sisargas e Ortegal-Bares e o mar de vento dará lugar a áreas de mar moi grosa (nivel laranxa).

Doutra banda, continúa a situación meteorolóxica adversa a causa da neve nas provincias de Lugo e Ourense, aínda que, a partir de mañá, a AEMET ampliará este aviso á Coruña e Pontevedra cun nivel de alerta laranxa.

A previsión é que as precipitacións en forma de neve poidan acumular máis de 20 centímetros de espesor nas montañas de Lugo e Ourense e que alcancen os oito centímetros no interior das provincias da Coruña e Pontevedra, centro, sur e noroeste de Lugo e a zona sur de Ourense, especialmente nas comarcas de Valdeorras e Miño. Na Comunidade Autónoma a cota de neve situarase entre os 400 e os 600 metros.

A Dirección Xeral de Protección Civil, a través do Centro de Atención de Emerxencias 112 Galicia, alertou aos organismos das administracións estatais, locais e autonómicas, aos clubs náuticos e ás empresas que pola súa actividade se poidan ver afectadas pola situación meteorolóxica adversa no mar.

Igualmente, informouse das nevaradas ás deputacións provinciais e aos organismos autonómicos e estatais competentes, así como aos concellos do interior das provincias da Coruña e Pontevedra; aos situados na montaña de Ourense, noroeste da provincia, comarcas do Miño, Sur e Valdeorras; e aos do centro e sur de Lugo. Tamén se lle deu aviso aos parques de bombeiros das catro provincias. Desta maneira, agárdase que se adopten as precaucións oportunas para garantir a seguridade dos bens e das persoas.

Ademais, a Dirección Xeral de Protección Civil quere recordarlle á poboación a importancia de seguir as medidas de autoproteción como evitar achegarse a diques ou rompentes co fin de previr un eventual golpe de mar. Con respecto á situación meteorolóxica adversa creada pola neve, se lle aconsella aos condutores informarse do estado das estradas antes de realizar calquera desprazamento. Por último, recoméndase consultar a páxina web do Centro de Atención de Emerxencias 112 Galicia (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con enlaces de interese.