17 enero 2009

Vigo : investirán máis de dous millóns de euros na eliminación de barreiras arquitectónicas en dependencias municipais

VIGO (MORRAZO-tribuna).- O tenente de alcalde de Vigo, Santi Domínguez, e a concelleira de Benestar Social, María Méndez, anunciaron este venres o investimento de 2.135.549 euros nun Plan de Accesibilidade que se aplicará en diferentes dependencias municipais. Polideportivos, mercados, Xerencia de Urbanismo, Zoolóxico, Centro de Emerxencia de Mulleres, Cedro, Ubas e Casa das Mulleres serán as instalacións nas que se actuará para eliminar as barreiras arquitectónicas.

“Trátase dun plan de choque que aposta pola igualdade de oportunidades para todas as viguesas e vigueses”, subliñou o tenente de alcalde. Santi Domínguez adiantou asemade que todas as concelleiras e concelleiros nacionalistas teñen o encargo de que en calquera obra que se efectúe dependente dos seus respectivos departamentos, “a última liquidación só sexa efectiva cando está comprobado que se contempla a accesibilidade”.

A concelleira de Benestar Social salientou na súa intervención que o traballo a prol da accesibilidade “é unha filosofía que sempre vai no programa do BNG”. Segundo María Méndez “nunca houbo un investimento tan importante neste Concello para desenvolver un proxecto de eliminación de barreiras arquitectónicas”, que ao seu xuízo “era unha demanda non só das persoas con discapacidade, senón de toda a cidadanía”. Neste sentido, a edil nacionalista puntualizou que que todas e todos podemos presentar “problemas de mobilidade”, dende unha nai ou un pai co coche de bebé ata unha persoa maior.

“Plantexamos a accesibilidade dos equipamentos dende exterior cara ao interior eliminando escaleiras e colocando ramplas ou ascensores”, explicou María Méndez, quen sinalou que respecto ao interior dos edificios as actuacións fundamentais refírense á adaptación dos baños e os vestiarios.