20 enero 2009

O BNG defende “a convivencia entre un turismo de calidade e os modos seculares de produción económica da Ría de Arousa”

OGROBE (MORRAZO-tribuna).- O portavoz nacional e candidato á presidencia da Xunta polo BNG, Anxo Quintana, asegurou hoxe nun acto público en Ogrobe que o “resultado histórico que o BNG vai ter o 1-M creará as condicións necesarias para que este País se dote dun Novo Estatuto de Nación”.
O cartel nacionalista explicou que este Novo Estatuto servirá “non só para promover a identidade galega, para promover a nosa lingua e a nosa cultura ou a nosa forma de ocupar o territorio, senón que tamén será unha ferramenta fundamental para mellorar o noso benestar”.

Como respaldo desta afirmación, Quintana puxo como mostra o que sucede en Cataluña onde, “grazas ao seu Novo Estatuto de Nación teñen sempre vantaxe na negociación orzamentaria e na revisión da fórmula de financiamento autónomico” xa que, segundo lembrou, o Estatuto “é unha lei orgánica que vincula necesariamente ao Estado”.

O portavoz nacional atacou ao líder dos populares, Alberto Núñez Feijóo por “laiarse agora de que Galiza non vaia ter un financiamento cando foi el que o impedíu ao vetar o Novo Estatuto”. “A estas alturas”, continuou, “ninguén sabe se na próxima lexislatura o señor Núñez Feijóo vai manter ese veto aínda que é fácil deducir o que fará, porque quen cala, outorga, e o PP manterá a súa actitude obstruccionista”.

Asi, Anxo Quintana amosouse “seguro de que o día 1 de marzo os galegos e galegas castigarán democraticamente esa actitude do PP e premiarán aos que, nas súas antípodas, promoven o desenvolvemento nacional do noso país e fomentan o benestar dos seus cidadáns e cidadás”.



Un proxecto transformador

O líder do BNG participou este serán nun mitin en Ogrobe no que interviron, ademais da cabeza de lista provincial, o portavoz municipal, Carlos Álvarez Besada, e a candidata número sete pola provincia de Pontevedra, e actual delegada da Consellaría de Innovación e Industria, Montserrat Prado.

Na súa intervención neste acto no Salnés, o candidato nacionalista detallou algúns dos principais aspectos do proxecto de goberno nacionalista con tres eixos: “política para a xente, un proxecto transformador e a defensa do País”.

Asi, segundo explicou, “o BNG é un proxecto transformador porque non se conforma con xestionar o presente, senón que queremos transformar a realidade en favor das maiorías sociais”. Por iso, o nacionalismo leva no seu programa a creación dun Instituto de Crédito Galego “para axudar ás familias e ás pequenas e medianas empresas que teñen problemas para obter un crédito”.

“Queremos facer política para a xente, a xente que ten problemas coa hipoteca ou que quedou no paro”, indicou Quintana, “por iso queremos reforzar o Sistema Galego de Benestar e consolidar o Plan Sectorial de Vivenda Protexida e por iso é tan importante potenciar sectores estratéxicos como o noso naval ou conseguirmos crear un grupo lácteo galego que dote ao rural de riqueza”.

Turismo sostíbel

A cabeza da lista pola provincia de Pontevedra, Teresa Táboas, fixo especial fincapé na compatibilización entre os sectores turístico e pesqueiro. “Nós somos unha forza que aposta por un turismo de calidade, sostíbel co territorio, de forma que sexa compatíbel cos usos económicos do territorio, como o marisqueo e a pesca, que son os modos seculares de produción na ría de Arousa”, asegurou. Para Táboas, o BNG “é a única forza política que ten expresado até agora a súa preocupación polo territorio”.

Así mesmo, a conselleira de Vivenda alertou contra a proliferación dun turismo de segunda residencia. “O territorio é un dos sinais de identidade de Galiza, e é ademais finito polo que debemos coidalo”, enfatizou.

A candidata nacionalista puxo como exemplo do urbanismo sostíbel que defende esta organización política as actuacións de humanización, recupación do patrimonio e do espazo público no barrio da Virxe das Mareas. “O espazo público é un lugar de convivencia, o sitio onde a xente se relaciona e debe ser recuperado para a cidadanía e polo tanto humanizado para que todos disfruten del”, asegura.