VIGO (MORRAZO-tribuna) .- O Día Mundial do Medio Ambiente celébrase o 5 de xuño e, con tal motivo, o Museo do Mar de Galicia organiza dende o vindeiro sábado, 30 de maio, uns obradoiros seguindo o Programa sobre Medio Ambiente das Nacións Unidas (UNEP), co que se pretende concienciar á poboación xeral sobre a importancia do cambio climático que estamos a vivir.
O UNEP, este ano, baixo o lema “O teu planeta necesítate. Únete para combater o cambio climático” busca estimular o coñecemento e a sensibilización da poboación cara o medio ambiente. Son moitas as evidencias de que o clima tornouse máis inestable, menos predicible e cun aumento cuantitativo dos fenómenos meteorolóxicos extremos. Ademais o planeta, tal como recolle o Panel Intergobernamental para o Cambio Climático (IPCC) e a propia Consellaría de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible no seu libro Evidencias e Impactos do Cambio Climático en Galicia, estase a quentar, o que probablemente afecte a medio prazo ao noso litoral.
O Museo do Mar de Galicia propón uns obradoiros que, ademais de advertir sobre as posibles consecuencias do cambio climático, permitirán coñecer os diferentes sistemas de produción enerxética e qué medidas podemos adoptar para reducir o consumo enerxético, axente principal do cambio climático. O obxectivo é que, a través dunha reducción no consumo domestico, se poida disminuir en gran medida os efectos irreversibles do cambio climático. Para iso, o Museo, entre outras actividades, ensinará ao público asistente como se produce a luz. Con paneis solares, entre outros métodos, mostraranse todos os pasos a seguir para crear a enerxía que nos proporcionará a luz, ensinando así a pequenos e maiores o valor das enerxías e a repercusión que este problema pode causar no futuro.
Os obradoiros, que rematarán o domingo, 7 de xuño, recibirán diferentes colexios durante a semana. O fin de semana, faranse dous turnos, un pola mañá (de 11.00h. a 13.00h.) e outro pola tarde (de 17.00h. a 19.00h.) e estarán abertos para idades superiores aos 10 anos. Para poder participar é necesario facer unha reserva chamando ao teléfono 986 24 77 50 até cubrir o aforamento.