VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .- A Consellería de Traballo e Benestar lamenta a desinformación do BNG sobre o financiamento da lei de dependencia e recoméndalle que se asesore mellor antes de falar sobre as políticas sociais, sobre todo das levadas a cabo polo seu partido ata hai pouco máis dun mes cando estaba no goberno.
A demanda de máis de 80 millóns para a tramitación da lei de dependencia feita desde o departamento autonómico é para o desenvolvemento dos servizos da lei, nos que Galicia ten un atraso importante, con miles de persoas esperando recibir as prestacións que lle corresponden.
Os convenios co Goberno Central aos que se referiu esta mañá o BNG son case na súa totalidade para infraestruturas, polo que non se poden aplicar a servizos como libranzas de coidador, cheque asistencial ou outro tipo de atencións recollidas na lei de dependencia.
Ademais é preciso lembrar que eses convenios que suman 42 millóns de euros e non 80 e que teñen como destino a construción de centros residenciais e asistenciais, teñen un atraso na súa execución de tres anos, xa que se trata de cartos orzamentados para o ano 2007 , 2008 e 2009, exercicios nos que non se desenvolveu practicamente ningunha actuación.
“Non debe preocuparse o BNG”, subliñou a directora de Dependencia, Coro Piñeiro, quen asegurou que desde o novo Goberno executaranse todos eses orzamentos e non se permitirá que estean parados como o estiveron durante tres anos, feito que amosa unha vez máis a incapacidade do bipartito
Así mesmo, a próxima semana achegaranse a Santiago os membros do Ministerio de Asuntos Sociais para a primeira reunión da comisión de seguimento, órgano que ata o de agora non estaba creado e que debería ter sido o encargada de vixiar o cumprimento destes acordos.
Respecto aos 32 millóns de euros destinados á área de persoas maiores, que corresponden a Galicia do Fondo Estatal de Inversión Local (plan E), 20 para investimentos en centros de atención á dependencia e 11 para concertos de prazas, desde a Consellería estanse a facer todos os trámites para a súa posta en circulación e estase realizando toda a tramitación pertinente.