VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .-Alberto Núñez Feijóo avanzou hoxe que a Xunta presentará un plan de choque contra o desemprego, unha vez que se complete o plan de austeridade do Goberno galego. O presidente da Xunta fixo este anuncio durante a clausura do X Congreso de UXT de Galicia, no que sinalou que antes de aprobalo lles mostrará aos sindicatos o plan, no que traballan oito consellerías.
O xefe do Executivo autonómico afirmou que este plan será “o primeiro golpe contra a crise”, porque “a situación actual exixe decisións políticas inmediatas e a Xunta ten o firme compromiso de adoptalas desde o primeiro día”.
“A Xunta non vai enganarse nin vai negar a realidade”, afirmou Feijóo, quen constatou que “hoxe non existe aínda ningún indicador que nos permita anticipar a recuperación económica”. “Non vemos brotes verdes, pero traballaremos a fondo para que a economía floreza canto antes”, engadiu.
O presidente defendeu a política social e a creación de emprego como prioridades e avogou polo traballo conxunto da Administración con sindicatos e empresarios como “actores globais”, tanto para atopar unha saída á actual conxuntura económica como para “definir o escenario no que queremos movernos despois da treboada”.
Na súa intervención, Alberto Núñez Feijóo, quen subliñou a “especial consideración da Xunta polo papel dos sindicatos, peza esencial no funcionamento da democracia”, remarcou a importancia do desemprego e da precariedade laboral e avogou pola construción dun “marco de lealdade mutua e permanente no que entendamos que ou todos estamos no mesmo barco ou nos iremos a pique”.
O máximo mandatario autonómico expresou a confianza do Executivo no diálogo e a corresponsabiliade social e comprometeu que “seremos sempre os últimos en levantarnos da mesa” nas negociacións. Feijóo apuntou que non hai “receitas máxicas” pero mostrouse seguro de que “todos queremos contribuír á loita contra o desemprego, contra a precariedade laboral, contra a inseguridade no traballo, contra a paralización da nosa economía”. “Sei que nese camiño nos atoparemos”, apostilou.