VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .-O tenente de alcalde, Santi Domínguez, criticou hoxe o incumprimento anunciado onte polo ministro de Fomento, José Blanco, a respecto dos prazos da chegada do AVE a Galiza e a Vigo. O nacionalista asegurou que o BNG “non renuncia” a que o AVE chegue no 2012 e esixiu que tanto o Goberno central como a Xunta poñan os medios “que faga falta” para evitar que, unha vez, máis Galiza sexa discriminada.
Segundo o nacionalista, as declaracións realizadas polo ministro de Fomento “veñen a demostrar unha vez máis a falta de compromiso con esta cidade e con Galiza no que se refire ás infraestruturas”. Santi Domínguez di que “non valen desculpas” para advertir agora que o AVE non vai chegar no 2012. “Isto demostra que as reiteradas manifestacións do Goberno do Estado e dos máximos representantes do PSOE mantendo a data do 2012 foron un engano á cidadanía”, asegurou.
O tenente de alcalde amosou a súa preocupación pola “conivencia” que parece existir por parte da Xunta a respecto dos retrasos anunciados. “Parece que o señor Núñez Feijóo da por bo que o AVE non chegue no 2012 e que o Eixo Atlántico non estea rematado no 2013. Isto demostra que o seu é un goberno débil que non é quen de reivindicar e esixir o que Galiza merece”, asegurou.
Santi Domínguez asegurou que o BNG “non da por bo que o AVE” non chegue no 2012 e vai seguir traballando para conseguilo. Demandou que se convoque a subcomisión de seguimento das obras do Congreso e que se axilicen ao máximo os trámites para evitar retrasos. “Noutros sitios do Estado se fan obras en prazo récord. Non entendemos porque non se actúa así con Galiza, para evitar que unha vez máis chegue tarde ás grandes infraestruturas”, suliñou.
O tenente de alcalde esixiu responsabilidades “aos que nos estiveron enganando” sobre os prazos da chegada do AVE. Entende que agora a súa actitude non debe ser a de compliciade co retraso anunciado, senón que deben “facer todo o necesario para impedir que novamente Galiza sexa agraviada”.