VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .-O presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, anunciou hoxe a ampliación “ó 100% dos horarios de atención ó público do servizo de Rexistro da Deputación”, que, a partir do 1 de xuño verán incrementado no dobre a súa prestación.
Louzán explicou en rolda de prensa que “a partires do primeiro día do próximo mes, este servizo, que viña estando operativo de 9 da mañá a 13 da tarde, estará aberto de 8:30 horas ás 14:30 horas, en horario de mañá, e de 17 horas a 19 horas en horario de tarde, o que supón unha ampliación de prestacións do servizo do 100%”.
Ó respecto, Louzán lembrou que “a oficina leva a cabo máis de 50.000 rexistros anuais, así que é unha medida necesaria. Poderá brindar maior atención ós distintos representantes de colectivos, empresarios e particulares que se achegan á Deputación para realizar os seus trámites”.
“Buscamos unha administración máis áxil e máis eficaz, en tempo e en forma”, declarou Louzán, “imos ser unha institución modélica con esta adaptación ós novos tempos, exemplar e única, ampliando e duplicando os nosos servizos de catro a oito horas diarias”.
Neste senso, o presidente provincial apuntou que “esta medida nos coloca na vangarda da administración pública no eido da atención ás persoas, polo que podemos dicir tranquilamente que a Deputación de Pontevedra é a institución máis avanzada en materia de oferta de servizos”.