VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .- O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, reafirmou esta mañá o apoio da Xunta aos parques comarcais de bombeiros e o impulso dos consorcios provinciais como un “instrumento eficaz e eficiente” para a xestión de emerxencias, así como un “exemplo de intelixente cooperación interadministrativa”. O conselleiro fixo estas declaracións na clausura do IX Congreso Nacional dos Servizos de Emerxencias, organizado na Coruña pola Asociación profesional de Técnicos de Bombeiros (APTB).
O titular de Presidencia destacou o empeño do Goberno galego na mellora dos servizos contraincendios. Así mesmo, tamén mostrou o seu afán por que toda a poboación de Galicia se encontre protexida, “no menos tempo posible, por uns recursos humanos profesionalizados e cuns medios de última xeración”.
Así mesmo, Rueda aproveitou a ocasión para felicitar aos organizadores e participantes no congreso polas súas achegas, que sen dúbida “contribuirán a mellorar a seguridade e a eficacia da prevención, da planificación e da resposta ante determinadas situacións de risco”. O conselleiro considerou fundamental este tipo de iniciativas, xa que, como dixo, estamos inmersos na denominada “sociedade do risco” e os poderes públicos non deben descoidar a xestión das emerxencias.
Nese sentido, manifestou o seu compromiso para manter e reforzar a colaboración entre as distintas administracións con competencias en materia de emerxencias, por riba de cores polÍticas.
Torre da Xustiza da Coruña
Por outra banda, e a preguntas dos medios de comunicación, lamentou o pouco que se avanzou nos últimos anos no proxecto da Torre da Xustiza da Coruña, sobre a que houbo "moitos anuncios e ningunha realidade". Así, explicou que non hai nada presupostado para esta infraestrutura "necesaria" e avanzou que a Consellería dialogará con todos os sectores implicados (concello, xuíces, etc.) para definir a mellor ubicación para o edificio.