VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, anunciou esta mañá que se reformará na súa integridade o Plan Sectorial de Solo Residencial, coa fin de poder consesualo da forma más ampla posible. Hernández fixo estas declaracións no transcurso dunha xornada sobre a Lei de Vivenda de Galicia, que se celebrou esta mañá na cidade da Coruña e ante os membros da Asociación de Promotores Inmobiliarios.
Para Hernández, o Plan foi redactado sen contar coa opinión dos concellos e sen coordinalo cos Plans Xerais de Ordenación Municipal que se atopan en redacción. O único resultado que acadou foi unha grande presentación de alegacións. Ante esta situación, “o novo Goberno da Xunta decidiu redactar un novo Plan Sectorial de Solo Residencial que lle dea resposta ás necesidades de Galicia nesta materia”. Como paso previo a esta redacción, o conselleiro anunciou que se buscará un amplo consenso coas Administracións locais.
“O Plan actual foi feito por unha consellería que non tiña competencias en territorio, precisamente para saltarse a outra consellería doutra cor política que si tiña esas competencias. Como agora non temos ese problema, faremos as cousas dun xeito coordinado, sen precipitacións e buscando o diálogo coa Fegamp e os concellos”, anunciou.
Agustín Hernández sinalou que esta reformulación do Plan non implicará unha demora significativa respecto da situación actual, xa que o documento presentado pola anterior consellería non superou a fase de información pública e tivo tal nivel de alegacións e de contestación que “pode dicirse que estaba paralizado e case finiquitado”.
Plan de Vivenda
O conselleiro lembrou que hai cinco anos, o Goberno da Xunta apoiado polo Partido Popular colocaba a Galicia á cabeza de España en cumprimento do Plan de Vivenda, tanto en materia de promoción de novas vivendas de protección como en axudas para a adquisición de vivendas construídas ou en rehabilitación.
Foi precisamente o Instituto Galego da Vivenda e Solo o que botou a andar as primeiras áreas de rehabilitación que funcionaron en toda España, e cun éxito tal que o modelo estendeuse a toda Galicia e foi copiado por outras Administracións autonómicas.
“Sen embargo, nos últimos anos, o goberno bipartito centrou a súa actividade no desenvolvemento de actuacións normativas grandilocuentes que o único que conseguiron foi crear un ambiente de inseguridade xurídica, de protestas e de malestar en tódolos ámbitos”, afirmou.
Explicou que o actual equipo do IGVS atopouse “os deberes sen facer” en relación co Plan de Vivenda 2009-2012, aínda sen asinar, e sobre o que se está a traballar con dilixencia para formalizado o antes posible co Goberno Central e fixar os novos obxectivos e o financiamento.
Rexistro de demandantes
Outro dos avances nos que está a traballar a Consellería é no rexistro de demandantes de vivenda protexida de Galicia, organismo imposto polo Decreto estatal que regula o Plan de Vivenda e creado no marco do Plan de Vivenda 2006-2009 como un instrumento co que se pretendía obter información sobre a demanda de vivenda protexida en toda Galicia, e axilizar e facer transparente a súa adxudicación.
Hernández afirmou que “coa aplicación feita polo bipartito o único que se logrou foi alongar de maneira innecesaria os prazos e trámites para a adxudicación e venda das vivendas protexidas, empregando este elemento como instrumento de propaganda”.
A actual Xunta revisará os procedementos establecidos para o funcionamento do rexistro e a adxudicación de vivendas, adoptando as medidas precisas para que este instrumento deixe de ser un estorbo para todos e cumpra os obxectivos para os que foi creado.
Trátase de facilitarlle o acceso á vivenda protexida aos sectores da poboación interesados nela e que cumpren os requisitos establecidos nas correspondentes normativas, ademais de reducir os prazos ao mínimo. Tamén é fundamental que a información sobre demanda que achega o rexistro reflicta a demanda real de vivenda protexida e os lugares onde esta se concentra.