VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .- O Conselleiro de Educación, Jesús Vázquez Abad, será quen decida se primeiro da diplomatura de Empresariais continúa no vindeiro curso nos centros onde se está impartindo.
O titular de Educación anunciou hoxe que no Consello Galego de Universidades se informou da autorización previa de envío a verificación polo Consejo de Universidades do título de grao en Ciencias Empresariais pola Universidade da Coruña.
Tras unha longa reunión a debate os integrantes do órgano consultivo universitario decidiron que fora a Consellería quen adopte a decisión de manter, ou non, primeiro da diplomatura de Empresariais nos centros onde se está impartindo ata o de agora. Esta situación manteríase só durante o curso 2009- 2010, e o conselleiro comprometeuse a enviar un escrito as tres universidades o vindeiro luns, 1 de xuño, coa decisión que a consellería adopte.
Por outra banda o conselleiro anunciou tamén a elaboración dunha Lei Galega de Universidades. Deste xeito Vázquez incidiu no cumprimento dunha das promesas feitas durante a campaña, e coa que destacou que esta nova Lei “regulará o sistema universitaria galego neste proceso de adaptación do noso ensino superior ao Espazo Europeo de Educación Superior, e que sirva de canle para a consolidación do Sistema Universitario Galego neste século XXI de xeito que teña un destacado papel na implantación da sociedade do coñecemento, pilar do desenvolvemento económico de Galicia”.
En relación coa elaboración da nova Lei que achegue os universitarios galegos ao plan de Bolonia, o conselleiro recordou que o novo Goberno Galego enfróntase a unha etapa “economicamente moi difícil”, a pesar da cal “temos a idea de conquerir para as universidades galegas as maiores garantías de éxito”.
Un éxito para o que segundo Jesús Vázquez “haberá que procurar que os estudantes conten cos recursos e o financiamento necesario que lles permita competir en calidade e excelencia docente e investigadoras coas restantes universidades, tanto españolas como europeas e nun ámbito global”.
Ao mesmo tempo o titular de Educación aproveitou a súa participación no órgano consultivo universitario para sinalar que o seu Gabinete se compromete a “elaborar un novo plan de financiamento, de acordo coas tres universidades”. Un novo plan que permita cumprir coas esixencias derivadas da plan integración ao Espazo Europeo de Educación Superior, pero que aínda non ten datas establecidas.