VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .-O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo garantiu hoxe a implicación “sen límites” de todo o Goberno galego para acadar a plena internacionalización do Xacobeo 2010 e anunciou que o programa de actos previsto para este evento será presentado o vindeiro outono. Así o manifestou hoxe, trala reunión que mantivo co alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo e a corporación municipal, no marco dunha visita institucional que realizou ao Concello.
Este encontro serviu para afianzar o compromiso da Xunta cunha “oportunidade histórica” que é o Xacobeo no momento da maior recesión económica que está a vivir Galicia e España. Segundo recoñeceu o Feijóo, “supón unha implicación de todo o Goberno de Galicia empezando polo seu presidente, unha implicación sen límites e unha implicación política completa”.
A prioridade, tal e como se puxo de manifesto na xuntanza, é facer un Xacobeo cultural, recuperar a súa faceta espiritual e facer un evento onde o turismo e a economía sexan o núcleo fundamental das decisións. “É unha oportunidade histórica para incrementar o noso PIB entre un 0,75% e o 1%; polo tanto estamos falando dunha oportunidade económica nun momento de recesión que ten que irradiar a toda Galicia e a toda España, que se ten que comprometer con este proxecto como un proxecto que trascende á cidade de Compostela e incluso á Comunidade Autónoma”, alegou o titular do Goberno galego.
O presidente remarcou que, a pesar de non ter encontrado un proxecto máis avanzado, hoxe “temos que pensar no futuro e por iso creo que podemos facelo, podemos converter esta ocasión histórica nun éxito histórico, podemos traer a Compostela máis de 10 millóns de persoas e, cun traballo coordinado, acadar o triunfo que a sociedade compostelá e a sociedade galega nos reclaman”, dixo.
Un aliado de primeira
Feijóo definiu como “un aliado de primeira” á Casa Real, posto que tanto a Súa Maxestade O Rei, como o resto dos membros da Casa Real comprometéronse a axudar, a “arrimar o ombro”, e estar en Compostela nas axendas que se lle propoñan. Así, indicou que tanto el como o alcalde acordaron atopar fórmulas para traer á Casa Real e todo o que conleva ter como embaixador do Xacobeo a Don Xoán Carlos. “Creo que iso nos vai axudar, e podo concretar que na última xuntanza que tiven na residencia oficial do presidente da Xunta, a Súa Maxestade amosou a súa intención inequívoca de presidir os actos do 25 de xullo na praza do Obradoiro e na Catedral de Santiago”, apuntou.
Exencións fiscais e programa de actos para outono
O Xacobeo 2010 é, en palabras de Feijóo, un proxecto no que o seu Goberno traballa “desde as primeiras horas de tomar posesión”. Así, lembrou que o Consello da Xunta xa tivo coñecemento do informe das principais estratexias a levar a cabo e que, onte, remataron “con éxito” as xuntanzas co Ministerio de Economía e Facenda. Con isto, anunciou que “a partir de xa” se poden adquirir as exencións e os beneficios fiscais a todas as empresas que queiran patrocinar o Xacobeo. E indicou, ademais, que si unha empresa quere patrocinar o Xacobeo e dá perdas no ano 2010, pode, nos seguintes dez anos, acollerse aos beneficios fiscais se en calquera de eses dez anos obtén ganancias. Unha decisión que, a xuízo do presidente, supón ter “un compromiso desbloquedado”.
Outro dos compromisos adquiridos na reunión celebrada hoxe co alcalde, segundo detallou Feijóo, é que este ano non haxa descanso no que á Secretaría Xeral para o Turismo se refire porque, adiantou, “a Xunta de Galicia vai traballar durante o verán para seguir preparando o Xacobeo e recuperar o tempo perdido”: “Nos comprometemos a que en outono presentemos o programa completo dos actos do Xacobeo 2010, un programa previamente acordado e transmitido ao Concello de Santiago e á Igrexa como artífices da organización ordinaria e permanente do actos do Xacobeo”, avanzou.
Diálogo construtivo
Por outra banda, o máximo mandatario autonómico, referiuse á necesidade de manter un diálogo construtivo entre a Igrexa e a sociedade civil. “É fundamental, e xa tivemos contactos coa Igrexa, o diálogo construtivo con esta institución, que as autoridades eclesiásticas se entendan coa sociedade civil, e a comunicación entre Concello, Igrexa, Estado e Xunta; e, niso, imos traballar e nos imos comprometer”, recalcou.
Un proxecto internacional
A Cidade da Cultura tamén foi un dos asuntos abordados nesta mañá na que ámbolos dous mandatarios coincidiron, segundo explicou o presidente da Xunta, en que se trata dun proxecto que “hai que abrir e non pechar” porque é “internacional e non local, que excede de Galicia, de España e de Europa” e que hai que internacionalizar e “abrir ao máximo”.
A este respecto, Feijóo avogou por facer unha apertura progresiva da Cidade da Cultura para dála a coñecer. “Pensamos que é razoable empezar a coñecer este proxecto e priorizar as obras que están a piques de finalizar e as urbanizacións necesarias para dar coñecer a cidade da Cultura progresivamente e, desta forma, activar as súas posibilidades”.
“En épocas de extraordinarias dificultades económicas hai que agudizar ao máximo as prioridades e neste momento a apertura progresiva da Cidade da Cultura poñendo en funcionamento o que está rematado nos parece que é prioritario para Compostela, para o Xacobeo 2010 e para racionalizar este proxecto”, proclamou o mandatario galego, que agregou: “É unha axenda na que coincidimos e pensamos que a internacionalización e apertura deste proxecto é un obxectivo compartido e estratéxico para dar a coñecer a cultura e facer país cun proxecto que a curto e medio prazo dea réditos á nosa economía”.
Apostar polo solo industrial
O xefe do Executivo galego incidiu na necesidade de facer apostas polo solo industrial para que os emprendedores que queiran instalarse na cidade poidan facelo. Para tal efecto, apuntou que o Polígono da Sionlla é un polígono “prioritario para o Goberno” e os 25 millóns de euros investidos no seu custe de urbanización seguen a ser “compromiso da Xunta de Galicia”. “É un polígono industrial importantísimo nun momento de crise económica sen precedentes no que necesario priorizar, e iso está dentro das prioridades do Goberno, da creación de emprego e das prioridades fronte a crise económica”.
Feijóo sinalou que as liñas que o Goberno da Xunta se vai prantexar como pautas de conduta dos próximos catro anos serán: a lealdade e priorización, nun contexto económico, -puntualizou- “nunca antes vivido nos últimos anos”. Así pois, comprometeu “priorización, eficacia e eficiencia nas decisións de manexo de fondos públicos; unha priorización, engadiu, “feita nun contexto de lealdade de transparencia e de xogo limpo”.
Na súa intervención ante os medios, o presidente da Xunta lembrou cómo a praza do Obradoiro foi testemuña da súa toma de posesión e do seu discurso ao pobo de Galicia e reiterou o seu compromiso de gobernar “para todos e como un compostelán máis”, e de facer que a capital de Galicia “cada día sexa unha capital máis consolidada”, pero tamén, unha cidade “máis aberta, plural, unha cidade encontro de camiños, de todos os galegos, españois, e os cidadáns do mundo enteiro”. “Este é o obxectivo: facer de Santiago unha cidade aberta ao mundo”, aseverou.
Non hai minusvalorización do idioma galego
A preguntas dos xornalistas acerca da reforma da Lei de función pública e a lingua galega nas oposicións, Núñez Feijóo recordou que o que agora propón o seu Goberno é “o que a Xunta leva facendo durante 25 anos de autonomía”. “Durante 25 anos todos os empregados públicos da Xunta entraron, acreditaron o seu mérito e competencias da mesma forma que o facemos agora, acreditando despois dos coñecementos técnicos, o coñecemento do idioma. Máis do 95 por cen entraron deste xeito”, puntualizou.
“Non hai, polo tanto ningunha minusvalorización do idioma galego; ao contrario, -apostilou-, o que queira facer todos os exames en galego os poderá facer todos, e o que prefira facelos en castelán tamén”, subliñou Feijóo, que engadiu: “Durante 25 anos non houbo ningunha crítica e me sorprende que por volver a facer o que fixemos durante 25 anos de autonomía agora haxa xente que non estea de acordo cos 25 ano anteriores”.
“En canto vexan que se pode elixir calquera dos dous idiomas a liberdade d elección do opositor é tan forte e está tan baseada nos dereitos civís que estou convencido de que a maioría estarán de acordo, como deberiamos estar todos”, alegou.