VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .-O conselleiro do Medio Rural, Samuel Juárez Casado valorou hoxe positivamente o compromiso expresado por todas as partes integrantes na Mesa do Leite de “seguir traballando para chegar, nun futuro que esperemos que non sexa moi lonxano, a unha estrutura do sector que lle permita ordenar o mercado e eliminar as ineficiencias actuais”.
Así o manifestou o titular do departamento do Medio Rural da Xunta, logo da xuntanza da comisión de traballo da Mesa do Leite, a primeira xuntanza que mantén conxuntamente co sector produtor e transformador do leite en Galicia, que se celebrou esta tarde en Santiago. Juárez resaltou que nesta xuntanza se puxo de manifesto a complicada situación que está a vivir o sector, non só pola baixada dos prezos, senón tamén pola desestruturación do mercado e a falta de acordos entre as partes.
O conselleiro do Medio Rural fixo referencia ao problema “absolutamente puntual” que existe en dúas explotacións da Mariña luguesa, ás que se lles deixou de recoller o leite, e apelou á “actitude de responsabilidade” das industrias para que cheguen a un acordo. Trátase, engadiu, “dunha cuestión básica que demostra unha vez máis a necesidade que existe en Galicia de vertebrar o sector e de que existan acordos estables entre produtores e industria”.
Nas súas declaracións, o titular do Medio Rural avogou por desenvolver o contrato homologado entre produtores e industrias para evitar cuestións que ocorren actualmente e que son “absolutamente inéditas nunha estrutura económica do século XXI”, como o feito de que os produtores non teñan certeza da recollida a medio prazo nin referencias de prezos ata finais de mes.
Adianto do pago único
No decurso da xuntanza, explicou o conselleiro do Medio Rural, facilitóuselles aos gandeiros información detallada sobre o adianto do pago único das axudas da PAC. Juárez avanzou que o vindeiro 1 de xuño se asinará o acordo coas entidades financeiras para que, xa na primeira quincena dese mes, os titulares das explotacións gandeiras poidan acceder aos préstamos e obter os cartos que doutra maneira non terían ata finais de ano. Trátase, dixo o conselleiro, de “inxectar circulante a curto prazo ás explotacións e axudar a resolver o grave problema de liquidez que teñen”.