VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .-O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez participou esta mañá nun reparto de propaganda polas rúas do centro de Ourense e, posteriormente, realizou declaracións aos medios de comunicación nas que se referíu á polémica sobre as datas do AVE en Galiza.
“Atopámonos cun anuncio do señor ministro de Fomento que, de repente descubre que os prazos previstos para a construción non son os reais”, explicou Guillerme Vázquez, “atopámonos un espectáculo de tal calibre no que o ex presidente da Xunta nos di que non estaba enterado desta situación” polo que esixíu “algunha explicación porque se o señor Zapatero estáballe mentindo ao señor presidente a cousa é para nota”.
Dende o BNG, tal e como indicou o portavoz nacional, “seguimos reivindicando o dereito que temos a contar con infraestruturas ferroviarias, cando menos á altura do que se fai no resto do Estado”.
“Era unha evidencia que o tren de alta velocidade se estaba retrasando e que o prazo que estaban a dar non se ía cumprir”, opinou o número un nacionalista, ao tempo que apuntou que “se se quere electrificar circunstancialmente o tramo Lubián-Ourense, que se faga, pero iso non pode servir para que ese tramo de vía non se execute porque pode ser que detrás diso estean a ocultar que non hai a menor intención de efectivizala”.
Para o portavoz nacional, “non é de recibo que despois de oito anos de goberno Aznar e seis de Zapatero, gobernos nos que estaba o señor Rajoy e o señor Blanco era o número dous do PSOE, segue indo a este ritmo, no que nin sequera está concluída a infraestrutura de vías”.
O portavoz nacional lembrou que segue pendente tamén a conexión ferroviaria co sur de Galiza con Portugal e apuntou á persistencia de corredores ferroviarios como Ourense-Lugo-Monforte “que están no estado que están, é necesario actuar sobre eles dunha vez por todas, e o que estamos pedindo é unha simple modernización dunhas liñas nas que nin sequera hai servizos”.
“Imos esixir que non se lles siga tomando pelo aos cidadáns galegos”, afirmou o líder nacionalista, e para iso reclamou “un calendario, uns orzamentos concretos”.
En resposta ás perguntas dos xornalistas sobre as declaracións do ex presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, nas que afirmaba descoñecer que as datas que se estaban a dar eran falsas, Vázquez indicou que “se o señor presidente da Xunta di que non estaba informado polo presidente do Goberno de que o prazo era ese, unha de dúas, ou había unha desconsideración absoluta de trato entre Administracións, das relacións que deberían ser normais entre o goberno central e o goberno autonómico, ou simplemente o señor Touriño si estaba informado e agora está nunha fuxida cara adiante negando que o sabía”.
Neste sentido, o portavoz nacional indicou que “alguén mentíu en todo isto e non fun eu nin o BNG”, polo que instou a que se dean as explicacións oportunas.
Sobre os prazos que se poden barallar para a chegada do AVE ao noso país, Guillerme Vázquez dixo que “os prazos terán que discutirse, pero terán que ser os razoábeis, que as obras teñan calendarios ben definidos e reais e, sobre todo, cos orzamentos necesarios para efectivizalos”.
“O que queremos é que as obras non se adien 'sine die' ou que se dean un calendario para dentro de cinco anos para dicir despois que non era verdade”, concluíu e contrastou os retrasos das obras en Galiza co avance de infraestruturas entre Madrid e Sevilla, ou Barcelona, Valladolid ou Valencia.
Defensa de Galiza en Europa
O BNG quer conseguir representación no foro europeo e salientou que “é unha evidencia obxectiva que, ou está o Bloque Nacionalista Galego, ou os intereses galegos non estarán e asi se demostra en calquer cámara de representación”.
“Daremos a batalla en defensa dos sectores produtivos do noso país e dun estatus que permita esa famosa cohesión social e territorial da que se fala e que non se ten producido”, indicou e, nesa liña, mencionou, o levantamento ao veto da construción naval, pasando por vetos na política común de pesca intolerábeis despois de 23 anos de mercado común”.
O número un do BNG reivindicou tamén un novo “estatus para o noso leite porque pola vía actual leva camiño de desaparecer o noso agro”.
De xeito xa máis amplo, o nacionalismo galego tamén quer estar en Europa, tal e como explicou Vázquez, para loitar contra directivas tendentes a privatizar os servizos sociais como a sanidade, ou a educación, que queremos que sexan servizos públicos. “Estamos en sintonía con millóns de cidadáns europeos que queren outro modelo de Europa e asi o manifestaron”, indicou.
O portavoz nacional fixo un “chamamento ao pobo galego a participar nestas eleccións e votar BNG porque asi conseguirán que aparezan os problemas de Galiza en Europa”.