PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .- O vindeiro martes, día 2 de xuño, o dispositivo de alerta na ponte de Alba en Pontevedra quedará instalado de maneira definitiva. O mecanismo de control de gálibo sufriu nestes últimos días unha serie de operacións co fin de facilitar o acceso de camións de grandes dimensións ás instalacións do matadoiro, ubicado a poucos metros da ponte de Alba.
Antes da data definitiva, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas procederá á desmontaxe ocasional dun dos elementos do gálibo, concretamente, o ubicado en dirección á estrada de Vilagarcía, para favorecer a entrada dos trailers do matadoiro.
Os cambios finais neste dispositivo consistirán na elevación nun metro do dintel do pórtico, aínda que esta modificación non afectará ás pletinas, xa que estas alargaranse de maneira que manteñan á altura suficiente sobre a calzada para previr o paso cara a ponte de vehículos que superen á altura regulamentaria, é dicir, os 3,40 metros.
Elemento de seguridade
A colocación dun control de gálibo no paso inferior da estrada PO-225, no lugar de Alba (Pontevedra) realizouse para evitar accidentes na ponte, como o acontecido o pasado luns, día 11 de maio, e que provocaron o peche do tráfico ferroviario durante vairas horas. Os traballos de instalación deste dispositivo de prevención comezaron o pasado 15 de maio.
O departamento dirixido por Agustín Hernández tomou esta medida para ofrecer unha solución aos problemas xerados polos camións que non respectan a sinalización de limitación de gálibo ubicada neste punto. O impacto dos vehículos provocan danos na estrutura do ferrocarril que obrigan a cortar o tráfico de vehículos na estrada autonómica e de trens na vía férrea.
Cómpre recordar que o sistema de advertencia consiste nun pórtico de suficiente altura do que colgan unha serie de cadeas con pletinas independentes de cor vermello e branco situadas a unha altura de 3,50 metros. Esta distancia correspóndese co límite da circulación de vehículos baixo o paso inferior, incrementado un marxe de seguridade de 10 centímetros.
Coa posta en marcha deste dispositivo garántese que, en caso de contacto, o sistema emite un sinal sonoro para advertir ao condutor do vehículo de que debe deter a súa marcha, á vez que se evita a destrución do dispositivo de control de gálibo e a posterior colisión coa ponte.
Para a instalación deste dispositivo realizáronse actuacións de sinalización de obras e movementos de terras para instalar as cimentacións das estruturas. Dende o día 18 de maio realizáronse labores de hormigonado das zapatas e a colocación da barreiras de seguridade que protexerán os pórticos.