28 mayo 2009

Política Lingüística aposta pola creación de redes

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .- O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo entrevistouse esta mañá cos responsables da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL), que agrupa os profesionais dos servizos lingüísticos.

No transcurso da reunión, o responsable da Política Lingüística do Goberno galego intercambiou cos representantes da CTNL, Nel Vidal, Xusto A. Rodríguez e Rosa Moreiras, as primeiras impresións sobre a situación actual dos servizos lingüísticos en Galicia. Anxo Lorenzo trasladoulles a súa intención de apostar nesta lexislatura pola creación dunha rede que permita sumar esforzos e poñer en conexión as diversas iniciativas que se están a levar a cabo de xeito illado nos diferentes ámbitos sociais. Esta necesidade de tecer unha coordinación das actividades lingüísticas nos diferentes ámbitos é unha reivindicación dos servizos lingüísticos nos últimos anos.

Posteriormente visitou, tamén esta mañá e de forma oficial, o Consello da Cultura Galega. O presidente do Consello, Ramón Villares, e a comisión executiva foron os encargados da recepción, na que os responsables aproveitaron para dialogar e analizar novas posibilidades de colaboración entre as institucións.


O secretario xeral de Política Lingüística ten previsto continuar nas vindeiras semanas esta rolda de contactos inicial cos principais axentes e institucións da normalización en Galicia.