VIGO (MORRAZO-tribuna) .- O tenente de alcalde, Santi Domínguez, amosou este martes a súa preocupación polas últimas declaracións da presidenta do Porto, Corina Porro, nas que afirmaba que en quince días pecharía o plan de usos do Porto e iniciaría obras sen esperar o fin da súa tramitación. Segundo Santi Domínguez, “chegar e dicir que en quince días dará carpetazo a este documento non é un bo comezo”.
“Nas cuestións que afectan a temas vitais para o futuro da cidade me preocupan as présas para empezar as obras canto antes”, sinalou o tenente de alcalde a preguntas dos xornalistas. “Non imos admitir ningun tipo de obra que non cumpra todos os requisitos medioambientais”, subliñou. A este respecto, indicou que “queremos que as cousas se fagan ben, tendo en conta todos os estudos medioambientais”.
O tenente de alcalde teme que non sexa máis que unha estratexia da presidenta da Autoridade Portuaria para utilizar o Porto con fins ao seu obxectivo de ser candidata á alcaldía de Vigo. “A ver se as présas son porque só ten dous anos para facer obras no Porto”, dixo, en referenza ás declaracións da propia Corina Porro nas que afirmaba que nas vindeiras eleccións municipais sería a candidata do Partido Popular.
Santi Domínguez lembrou o traballo desenvolvido polo presidente anterior, Xesús Paz, e destacou que “deixou un camiño moi importante andado respecto ao consenso de todas as forzas vivas da cidade”. O tenente de alcalde defende que esa é a liña que debe seguir a nova presidenta portuaria e lembrou que “xa dende a toma de posesión de Corina Porro manifestamos que estamos a súa enteira disposición para acadar posturas de consenso”. Pola contra, criticou que Corina Porro fixera esas declaracións tras unha xuntanza mantida co presidente da CEP e da Cámara de Comercio. “Non só os empresarios teñen que opinar. Os representantes políticos somos elixidos pola cidadanía de Vigo e todos temos que opinar, non só os empresarios”, salientou.
Por outra banda, destacou que o documento presentado polo anterior presidente portuario contaba con elementos “que nos gustaban”, como o feito de que cada unha das actuacións previstas contaba cunha declaración medioambiental. Santi Domínguez dixo que é importante continuar ese traballo e ter como prioridade que cada actuación que se faga manteña ese criterio