VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .-A conselleira de Facenda, Marta Fernández Currás, non autorizou nin certificou a compra dun edificio de Sogama en Santiago de Compostela e hai dous anos que non pertence ao Consello de Administración desta sociedade, polo que non ten nada que ver en futuras adquisicións de mobiliario para estas instalacións ou posibles usos ou desusos das mesmas.
Marta Fernández Currás non asistiu ao Consello de Administración de Sogama do 27 de abril de 2006, no que se autorizou a compra dun local en Santiago duns 500 metros cadrados a razón de 1.900 euros o prezo por metro cadrado, polo que non participou nesta decisión, e así consta na acta referida a ese Consello de Administración. Ademais, na convocatoria non se incluía na orde do día a adquisición desta sede.
Ademais, o 28 de xuño de 2007, cando se deu conta ao Consello de Administración de Sogama da formalización da compra destas instalacións na capital de Galicia, por importe dun millón de euros, a actual conselleira de Facenda xa renunciara a ser membro deste consello e así quedou reflectido tamén na acta.