VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .-O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo advertiu hoxe que a Xunta vai esixir ao Goberno central que as obras do tren de alta velocidade a Galicia se executen de acordo a uns prazos, un orzamento claro e baixo un seguimento transparente. A Xunta, recalcou, “non vai a comulgar nin con palabras nin con desculpas ou vaguidades” posto que “para Galicia só valen os prazos, os orzamentos e un seguimento transparente, e iso é o que imos prantexar na reunión que teñamos co ministro de Fomento”, apostilou.
Na rolda de prensa posterior á reunión do Consello da Xunta subliñou que hai tres “mandamentos” sobre o AVE a Galicia que o seu Goberno vai seguir “escrupulosamente”: o mandamento dos prazos, dos orzamentos e do seguimento. “O que queremos son prazos, son orzamentos e un seguimento transparente do que se está a facer co tren de alta velocidade”. Os plans e as iniciativas e as ideas que agora se presentan ao respecto desde Fomento, en palabras de Feijóo, “as presenta un Goberno que nos enganou durante cinco anos”.
Preguntado polas declaracións que Emilio Pérez Touriño realizou onte a varios medios de comunicación, Feijóo agradeceunas e considerou que teñen “unhas consecuencias” xa que, segundo expuxo, as palabras do ex mandatario galego “ratifican as posicións mantidas polo Partido Popular de Galicia desde hai moito tempo”. “Fomos os únicos que denunciamos que o AVE no 2012 era un gran engano, fomos os únicos que non respaldamos á ministra corresponsable de ese gran engano a Galicia e fomos os únicos que pedimos controis de seguimento das obras do tren de alta velocidade”, remarcou o titular da Xunta.
“Son os mesmos os que agora nos falan de iniciativas e propostas os que enganaron a Galicia durante cinco anos”, apuntou. “Iso require moita cautela e eu lle agradezo ao señor Touriño que dixera o que acaba de dicir: que enganaron a Galicia e, polo que se ve, tamén enganaron ao seu Goberno e tamén enganaron a Galicia claramente”.
Actitude vixiante
O xefe do Executivo explicou que as declaracións de Touriño “avalan a necesidade da actitude vixiante da Xunta de Galicia en relacións coas manifestacións e coas decisións que está adoptando o Goberno do Estado sobre o tren de alta velocidade á nosa comunidade autónoma”.
Ao seu xuízo, esta “gran mentira colectiva e continuada” non pode ser “pasada por alto” polo Goberno da Xunta de Galicia polo que, insistiu, “imos a pedir e a esixir prazos, orzamento e seguimento e imos esixir que se recupere o tempo perdido e se hai que incrementar o dobre o investimento que se incremente o dobre o investimento”, recalcou, e proseguiu: “Galicia non demanda desculpas, non valen as desculpas, quere feitos; e non queremos que substitúan as palabras antigas polas palabras novas porque o tren non circula por riba das palabras, circula por riba das promesas, dos quilómetros de travesas e de electrificación”, enfatizou.
Ao respecto, Feijóo lembrou que neste momento entre Medina do Campo e Ourense hai 400 quilómetros sen unha soa travesa o que demostra, dixo, que “estamos ante a constatación dunha mentira colectiva e continuada do Goberno de España, do PSOE e, polo que se ve, dunha ignorancia continuada da Xunta bipartita”, apostilou.