VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .-O Ministro de Fomento anunciou este mediodía ao deputado do BNG, Francisco Jorquera, que “hai unha rectificación do trazado do AVE Lugo-Ourense para que teña dupla vía”. Esta era unha das respostas que José Blanco daba a Jorquera na longa comparecencia do Ministro na Cámara Baixa.
O parlamentar do BNG formulaba unha serie de cuestións ao Ministro de Fomento, entre elas, a chegada do AVE a Lugo. Blanco informou a Jorquera que “Lugo non vai quedar descolgada da dupla vía nen da alta velocidade”. Explicou que se sacará a Estudo Informativo de xeito que non se perda o que se fixo nen supoña perda de tempo.
Ante a pregunta do deputado nacionalista: “É unha rectificación do trazado?”, o Ministro asentiu que efectivamente “se trata dunha rectificación”.
O Ministro de Fomento daba esta información ao BNG no marco de debate do primeiro punto da súa comparecencia referido ás liñas xerais do seu departamento. Nun segundo punto vanse abordar as infraestruturas de Galiza xa que a Comisión continúa o seu curso at éas 16.00 horas.
Peaxes
Jorquera aproveitou este turno para aludir a outras cuestións como as peaxes. “Nunha situación de crise económica é importante facer un uso racional dos recursos públicos e construir autovías de alta capacidade onde hai autoestradas de peaxe non está xustificado nalgúns casos”.
Jorquera afirmou que o BNG aposta por unha política de reducción das peaxes e mencionou os casos da AP-53, entre Santiago e o Alto do Dozón, e a Autoestrada do Atlántico. “Defendemos unha rebaixa progresiva das peaxes e queremos saber que dispór ten a que se transfiran á Xunta de Galiza”.
Nesta cuestión, José Blanco afirmou estar disposto “a escoitar a todo o mundo” e indicou que a autovía entre Santiago e Ourense consta de dous tramos, un de peaxe e outro libre de peaxe. “O de peaxe foi adxudicado cando gobernaba o PP na Xunta e no Goberno central, e o que está libre de peaxe foi contratado e adxudicado cando gobernaba o PSOE e o BNG na Xunta e o PSOE no Goberno central”. De igual xeito se referiu á AP-9, en alusión ao “problema que crearon outros”. Rematou dicindo que se pode estudar pero que “cada un asuma as súas responsabilidades”.
Na contraréplica, o deputado do BNG coincidiu en que “efectivamente o modelo da AP-53 e da AP-9 é “o modelo do que non debe ser unha xestión racional”. Pero voltou a reiterar a necesidade de que a xestión de todo recaia nunha soa Administración, “é bón que se responsabilice o Goberno galego”.
Disposición a dialogar coa Xunta sobre tramos en desuso
En canto ao ferrocarril subliñou que “tan importante como o AVE é a modernización da rede ferroviaria e a súa adecuación para outros usos como os servizos de proximidade e as mecadorías”. Neste caso, sinalou que non se entendería que houbera un mapa “cun tren do século XXI que convive cunha rede propia da primeira metade do século XX”. Lembrou a Blanco que Galiza carece de servizos ferroviarios de cercanías e preguntoulle sobre o traspaso á Xunta dos tramos que fican en desuso unha vez que estea en funcionamento o AVE.
Nesta cuestión, o Ministro sinalou que tamén “estou disposto a dialogar co Goberno galego sobre os tramos da rede convencional que ficarán en desuso” e asegurou a Jorquera que “cumpriréi coa Resolución aprobada no marco do Debate de Política Xeral a instáncias súas”.
Conexións ferroviarias Portos Exteriores Ferrol e A Coruña
En canto aos portos, preguntou ao Ministro de Fomento polas conexións ferroviarias dos Portos Exteriores de Ferrol e A Coruña. Neste tema, o Ministro unicamente afirmou a necesidade de impulsar as conexións ferroviarias cos portos, nos que están os Portos Exteriores de Ferrol e A Coruña. Sinalou que “hai que tomar decisións dacordo co Goberno galego” e indicou que será un dos temas a tratar co Presidente da Xunta.