VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .- A Deputación de Pontevedra aprobou hoxe en Xunta de Goberno a adxudicación da nave de servizos para instalación de Karting en Forcarei á empresa Construcciones Abal SA por un importe de 150.000 euros. Coa adxudicación de hoxe, a inversión total no circuito forcaricense elévase a 1,2 millóns de euros.
O traballo hoxe adxudicado é un edificio de dúas plantas, que acollerá áreas de xuíces, cafetería e terraza, ademais dunha instalación de auga quente con sistema de retorno, na planta alta, e oficinas, salas de usos múltiples e servizos na planta baixa.
Circuíto homologable
Previamente á adxudicación de hoxe, a Deputación xa investira 625.000 euros logo de modificar o proxecto das obras do circuíto, que recollía unha serie de cambios para adecuar o circuíto ós parámetros estipulados pola F.I.A. Deste xeito, grazas ó novo trazado e o novo afirmado e drenaxe, o karting de Forcarei convertiuse nunha instalación homologable para poder albergar competicións de carácter internacional, acadando deste xeito unha maior relevancia e aproveitamento.
Para adecuar este novo circuíto, contouse coa colaboración da Federación Española de Automobilismo, quen asesorou e indicou posibles correccións grazas ás súas aplicacións informáticas de simulación e persoal técnico. O proxecto modificado aumentou en máis de 100.000 euros o proxecto inicial que fora adxudicado á empresa Construcións Taboada e Ramos S.L. por importe de 521.876,90 euros.