VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .-O salón de actos do edificio Fernández López do Museo de Pontevedra acollerá entre os vindeiros días 1 e 4 de xullo tres seminarios sobre a figura de Víctor Said Armesto, e o concerto de canción galega para voz e piano “Cantigas de aquí e acolá”, a cargo da aula de canto do Conservatorio Manuel Quiroga de Pontevedra.
Os seminarios comezarán o luns, 1 de xuño, ás 20 horas, coa poñencia “Víctor Said Armesto: un intelectual europeo do novecentos”, a cargo de José García Velasco, do CSIC de Madrid.
O martes, 2 de xuño, á mesma hora, Carlos Villanueva, da Universidade de Santiago de Compostela, ofrecerá a charla «“La flor de Agua” (1914), zarzuela de Víctor Said armesto e Conrado del Campo, ou como o romance se transformou en drama”.
O 3 de xuño, tamén ás 20 horas, Susana Asensio, do CSIC de Madrid exporá o “Romanceiro asturiano, un prólogo musical inacabado… e algunhas notas sobre as colaboracións con Galicia”.
Este ciclo de charlas pecharase o día 4 de xuño, ás 20 horas, co concerto de canción galega para voz e piano “Cantigas de aquí e acolá”, a cargo da aula de canto do Conservatorio Manuel Quiroga de Pontevedra.
Said Armesto
Víctor Said Armesto (Pontevedra, 1871 – Madrid, 1914) foi un dos intelectuais máis brillantes da súa xeración. Primeiro catedrático de Lingua e Literatura Galaico-Portuguesa da Universidade Española, participou moi activamente no proceso que levaría a fundación da Academia Galega. Escritor e investigador reputado, con obras de referencia inescusable aínda hoxe, frecuentou os faladoiros que tanto proliferaron en Pontevedra no tránsito do século XIX ó XX.
Víctor Said Armesto colaborou tamén dun xeito decidido e decisivo na recollida dos materiais (romance sobre todo) que acabaron conformando o afamado Cancioneiro musical de Galicia, colección presentada por el e Casto Sampedro ó Concurso promovido en 1909 pola Real Academia de Belas Artes de San Fernando, cuxo premio recibiron en 1910.
A ponderar a súa egrexia figura, tratando de devolvela ó lugar de excelencia que ocupou no seu tempo e que nunca debeu perder, está dedicado este seminario, continuación do consagrado hai xustamente un ano ó seu mestre e amigo, Casto Sampedro, figura esencial tamén, como é ben sabido, na recuperación da tradición musical de Galicia.