VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .-“A redución no número de consellerías, de 13 a 10; a redución do 46% de altos cargos; a redución de 52 delegados provinciais a 5; e a redución do 26% do persoal de gabinete vén supoñer, ao longo desta lexislatura, unha redución, so entre altos cargos e persoal de gabinete, de 30 millóns de euros. Polo tanto, 5.000 millóns de pesetas máis barata sairá a administración autonómica no que se refire a altos cargos e persoal de gabinete ao longo desta lexislatura”. Así o salientou esta mañá o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, tras a rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta que esta mañá acordou reducir os gastos de gabinete das distintas consellerías.
Segundo explicou, o gasto do persoal de gabinete experimenta un recorte de 2 millóns de euros anual, o que supón un recorte de 8 millóns de euros en toda a lexislatura. Isto supón que a Xunta de Galicia vai aforrar 1.400 millóns de pesetas no que se refire a persoal de gabinete. “Se a isto lle sumamos o que aforramos en austeridade e eliminación de altos cargos –engadiu Feijóo-, isto dá un aforro de 30 millóns de euros, 5.000 millóns de pesetas en toda a lexislatura, o que supón un aforro anual de 7,8 millóns de euros, algo máis de 1.300 millóns de pesetas cada ano”, asegurou.
“Polo tanto estamos cumprindo e creando un fondo de austeridade coa diminución de altos cargos, de consellerías e a redución do 26% do persoal de gabinete de todos os conselleiros e do propio presidente da Xunta”, lembrando que se trata dunha medida que afecta a todos os departamentos autonómicos.
O compromiso coa austeridade “non ten volta atrás”
“Seguimos completando os pasos para cumprir o compromiso de austeridade e ese compromiso de austeridade é un compromiso firme que non ten volta atrás”, declarou o presidente galego asegurando que se trata dun compromiso que impregna cada unha das decisións do seu Executivo. Nesta liña, afirmou que o Consello da Xunta de hoxe tamén aprobou a modificación das estruturas orgánicas de tres consellerías: a da Consellería do Mar, a de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde e a da Consellería de Facenda.
Con respecto á Consellería do Mar, o titular do Goberno galego salientou que se optou por suprimir “unha axencia marítima que tiña un orzamento de máis de 1 millón de euros anuais, 4 millóns de euros na lexislatura”, e substituíla pola creación de tres prazas de funcionario.
Na Consellería de Facenda “rebaixamos tres subdireccións a categoría de servizo” e na Consellería de Sanidade “diminuímos unha dirección xeral e dúas subdireccións xerais”, aseverou indicando que o Goberno continúa, polo tanto, co compromiso de “ir diminuíndo os altos cargos nas consellerías e de comprometerse coa redución da estrutura de altos cargos do Goberno”.
Transparencia no control do gasto de máis de 100 millóns de euros
Na xuntanza tamén se aprobou dúas propostas lexislativas co obxectivo de que as contas públicas estean presididas por dous principios: o principio de austeridade e o principio de transparencia no control do gasto e na súa execución.
A este respecto, indicou que procedeuse á modificación da Lei de réxime financeiro e orzamentario da Comunidade Autónoma co obxectivo de “adaptar os criterios orzamentarios da Xunta aos criterios de contabilidade nacional e, sobre todo, para dotar de transparencia a todos os organismos periféricos públicos ou que manexan fondos públicos da Xunta que non están incluídos nos orzamentos da comunidade”.
Isto, explicou o xefe do Executivo autonómico, supón incluír nos orzamentos da Xunta “a 39 fundacións de natureza privada, a unha axencia de natureza pública, a unha sociedade anónima participada pola Xunta e a 12 consorcios creados recentemente polo Goberno galego”. “En definitiva –matizou-, supón dar transparencia a máis de 100 millóns de euros e a 53 organizacións que manexan fondos públicos para incluílas a todas elas no control orzamentario”.
“O obxectivo, polo tanto, é dotar de transparencia a todas aquelas figuras administrativas para saber o que gastan, o que deben e o que fan”, declarou sinalando que o Executivo que preside quere “que todo o diñeiro público estea sometido a control orzamentario” e que non haxa “administracións paralelas que non dean conta de como se xestionan os fondos públicos”.
“Pretendemos introducir as axencias, os consorcios e as fundacións privadas nos orzamentos da Xunta, o que supón transparentar 100 millóns de euros de contas públicas e controlar 53 organizacións administrativas de titularidade ou participación pública que neste momento gastan diñeiro de todos os galegos”, reafirmou. A este respecto, avanzou que esta modificación legal será introducida xa no orzamento do ano 2010, “que empezaremos a facer no mes de xuño” para que xa sexa obrigatorio que todos os organismos, consorcios e axencias “estean sometidos ao orzamentos global da Xunta e que este orzamento o poidamos presentar na súa totalidade baixo control parlamentario dado que formarán parte organismos que teñen que ter o orzamento de acordo coa lei de xestión económica e financeira da comunidade autónoma”, concluíu.
Recurso de inconstitucionalidade
O Consello da Xunta de hoxe tamén decidiu presentar alegacións no recurso de inconstitucionalidade promovido polo Goberno central contra a Lei de vivenda de Galicia.
O presidente galego dixo “lamentar profundamente que o Goberno central impugne a Lei de Vivenda de Galicia” porque iso, explicou, supón, por parte da Administración do Estado, un recurso “contra un acordo unánime das tres forzas política parlamentarias” pero tamén “algo máis grave: que non se poida normalizar a situación de miles de galegos que viven a carón da costa ou que vivían con seguridade xurídica que agora perden”.
“Polo tanto –engadiu Feijóo-, lamentamos que o Goberno do Estado presente este recurso de inconstitucionalidade contra a Lei galega; e nós acabamos de decidir presentar alegacións contra a decisión unilateral do Goberno do Estado sen falar, sen dialogar e sen pactar coa comunidade unha saída aos problemas de determinados núcleos no litoral galego. Núcleos tradicionais, núcleos que levan moitos anos situados a carón das rías galegas”, apostilou.
Materializar o compromiso coas organizacións agrarias
Na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, Alberto Núñez Feijóo destacou, ademais, a autorización dun acordo pola que se materializa o compromiso adquirido polo presidente da Xunta e polo conselleiro do Medio Rural coas organizacións agrarias e co sector gandeiro. “Cumprimos a palabra dada e aprobamos a posibilidade de adiantar 70 millóns de euros das axudas europeas que non se poderían percibir ata finais deste ano ou principios do ano que vén, para ofrecer unha bocanada de oxíxeno financeiro a un sector que está pasando un estrangulamento nos seus prezos e, polo tanto, grandes dificultades económicas e de viabilidade”, explicou o presidente galego.
A este respecto engadiu que, deste xeito, se cumpre o compromiso da Xunta de que, a partir do mes de xuño, calquera gandeiro “poida acudir a unha entidade financeira e cobrar as axudas na súa totalidade que lle correspondería cobrar a finais deste ano ou principios do ano que vén”. “Adiantamos 70 millóns de euros imprescindibles para mitigar a crise económica que están padecendo os sectores gandeiros, basicamente pola leite importada de forma masiva desde o país veciño, polo país francés, e cumprimos a palabra dada aos sindicatos agrarios e, sobre todo, ao sector gandeiro”, concluíu.