VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .- O anterior Goberno bipartito da Xunta incorreu nun desfase orzamentario de 41 millóns de euros no Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, ao aumentar a súa dotación de 8.521.050 euros en 2007 a 49.639.826 en 2008, unha liña ascendente que continuou en 2009, cun incremento do 11 por cento. Ademais, antes de deixar o Executivo, blindou a varios dos seus altos cargos no organismo.
A secretaria xeral de Familia e Benestar, Susana López Abella, explicou estes datos durante unha comparecencia parlamentaria. Durante a mesma, lembrou que o Consorcio é un “modelo herdado”, que a nova Xunta “vese obrigada a asumir si ou si”. Ante esta situación, a Consellería de Traballo e Benestar apostou por reorientar as liñas de actuación do organismo con fin de “facer política para as persoas, e non na súa contra”.
Tamén sinalou que o gasto en persoal aumentou entre 2007 e 2008 nun 823 por cento, ao pasar de 2.152.385 euros á 17.718.436.
Nestes intres, o departamento está a realizar unha diagnose da situación atopada pero, como explicou López Abella, están aparecendo diversos atrancos. Un deles son os “pouquiños papeis” que deixou o anterior Executivo autonómico, ademais dos contratos cos que se blindaron os postos de diversos altos cargos, incluído o propio xerente, que non vai a traballar desde a toma de posesión da secretaria xeral.
A xestión propia do Consorcio tamén foi problemática. López Abella cualificou como “escandaloso” o sistema de contratación, xa que no 90 por cento das prazas a última proba era a máis subxectiva: unha entrevista. A isto hai que sumarlle o elevado gasto en publicidade, que ascendeu a máis dun millón de euros en só tres exercicios (2007,2008 e 2009).
Fronte a isto, a consellería de Traballo avanzou que “non gastará nin un só euro en propaganda”, para evitar a “dilapidación sistemática de fondos públicos” na que incorreu “de forma reiterada” o anterior Goberno galego.
Sobre a participación dos concellos no Consorcio, López Abella lembrou que, a día de hoxe, forman parte del 267 municipios, pero matizou que moitos deles se uniron pola “asfixia económica” que propugnou a anterior Vicepresidencia, que obrigaba aos concellos a sumarse para poder recibir dotación económica. Foron os propios alcaldes os que transmitiron esta situación á secretaria xeral en diversas reunións.