28 mayo 2009

Promesa en Campaña

















________________________________________

VIGO/CANGAS/MOAÑA (MORRAZO-tribuna) .- A candidata do BNG ao Parlamento Europeo, Ana Miranda, comprometeuse a defender o transporte marítimo da Ría de Vigo “porque beneficia a milleiros de traballadores e traballadoras que a diario se desprazan entre Vigo e O Morrazo, e porque ademais é o medio de transporte máis respectuoso co medio ambiente”.
A candidata do BNG ao Parlamento Europeo participou esta mañá nun acto reivindicativo do servizo de transporte de ría a bordo do transbordador que une Vigo e Cangas. No acto tamén participaron o tenente alcalde de Vigo, Santiago Domínguez Olveira; a edil do BNG e candidata número 5 do BNG ao Parlamento Europeo, Iolanda Veloso; o alcalde de Moaña, Xosé Manuel Millán, e o portavoz do BNG na Comisión de Pesca do Parlamento Galego, Bieito Lobeira.

“Queremos que o transporte marítimo da ría de Vigo sexa un servizo público”

Ana Miranda asegurou que “liberalización non pode conducir á supresión dun servizo que transportou a máis dun millón de pasaxeiros en 2008”. O Parlamento Galego aprobou por unanimidade en 1998 a declaración do transporte marítimo na ría de Vigo como un servizo público con concesión en réxime de monopolio. Porén, unha sentenza do ano 2006 do Tribunal Europeo de Xustiza obrigaba á Xunta de Galiza a liberalizalo, o que pon en risco a súa continuidade.
Neste sentido, Ana Miranda comprometeuse a que “o BNG vai defender no Parlamento e na Comisión Europea que se manteña o carácter público do servizo a través da creación dun consorcio e que se inclúa dentro das Redes Transeuropeas de Transporte”.
A este respeito, a candidata do BNG lembrou que “o ano 2010 vai ser crucial xa que vaise debater nas institucións comunitarias a nova política de transporte da Unión Europea, e nesa nova lexislación queremos introducir os conceptos de cohesión social e de transporte sustentable”.
Santiago Domínguez: “o transporte de ría é crucial para a vertebración da área de influencia de Vigo e para o noso turismo”
Pola súa parte, o tenente de alcalde de Vigo, Santiago Domínguez Olveira salientou que “o mantemento do servizo de transporte de ría non só é fundamental para a vertebración da área de influencia de Vigo senón tamén para a promoción turística dese gran tesouro que temos como é a Ría de Vigo”.
A este respeito, Santiago Domínguez lembrou que “ninguén representará mellor os intereses dos vigueses e da xente do Morrazo que Ana Miranda: unha muller con experiencia no Parlamento Europeo, cun traballo inigualábel e que vai defender mellor ca ninguén os intereses da xente”.
Por todo iso, o tenente de alcalde subliñou que “é moi importante que o 7 de xuño o BNG teña representación en Bruxelas porque unicamente se está o BNG vaise falar dos problemas de Galiza”.