VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .-O deputado nacionalista Henrique Viéitez interesouse esta mañá na comisión sexta do Parlamento de Galicia polas declaracións do Conselleiro de Economía e Industria a respecto das medidas de axuda ao sector da automocíón en Galiza.
Nesa liña, Viéitez lembrou que o conselleiro de Economía anunciou un plano de axudas por valor de 1.000 euros por automóbil, para ser logo desautorizado polo presidente. “Isto a pesar de que falaban dun goberno cohexionado”, destacou. Lembrou que posteriormente, o conselleiro Javier Guerra, no salón do automóbil de Vigo, volveu anunciar un novo plano de axudas directas sen especificar datos concretos.
“Ten o Conselleiro de Economía e Industria un plan para facer fronte á situación de crise que está pasando o sector do automóbil?”, preguntou Viéitez. Así mesmo, o deputado vigués do BNG reclamou na comisión sexta que o goberno galego do PP desglosara as liñas de actuación para a empresa ensambladora -Citroën- e tamén para a empresa auxiliar.
Viétez considera que a resposta do representante do goberno do PP “indica que carecen dun plano para o sector do automóbil, máis alá dunha medida curtopracista e con data de caducidade como é a axuda á compra de vehículos”.
“Neste tipo de declaracións obsérvase unha falta de rigor e unha elevada dose de improvisación que non son as máis adecuadas para xerar un clima de confianza no presente e cara ao futuro”, asegurou.
Nesa liña, lembrou que no anterior goberno, através da Consellaría de Innovación e Industria que presidía o Bloque Nacionalista Galego si se tomaron numerosas medidas “non só a curto prazo, senón tamén a medio e longo prazo” para promover a innovación tecnolóxica no sector e aumentar a produtividade.
Empresa auxiliar
Viétez lembrou a importancia da industria auxiliar, lembrando que “moitas das empresas auxiliares da automoción son galegas”. Dese xeito, recordou a importancia de tomar medidas de acompañamento para a industria auxiliar, alén da subvención directa.
Para o deputado nacionalista, a debilidade do sector da automoción radica en que durante moito tempo “a única vía para a competitividade foron os baixos custes da man de obra” descoidando a innovación.
Na súa intervención na comisión do Parlamento Galego, Viéitez asegurou que haberá que preguntarse “por que moitas das axudas ás empresas para innovación acaban financiando deslocalizacións empresariais” e sinalou a importancia de vencellar o reparto de fondos públicos ao cumprimento de determinadas condicións.
Importancia do sector en Galiza
Viéitez recordou tamén que o sector do automóbil significa o 40% das exportacións galegas e o 17% do Produto Interior Bruto, e que de cada cen traballadores galegos, 11 están vinculados directa ou indirectamente co sector do automóbil. “É un sector que ten máis peso en Galiza que no resto do Estado, e que na comarca de Vigo é fundamental”, asegurou na súa intervención.