REDONDELA (MORRAZO-tribuna) .-O Partido Popular de Redondela denuncia o trato preferente por parte do Alcalde a membros do Partido Socialista, “que reciben pagos de ata 150 euros de diñeiro público por desempeñar traballos para os que son designados a dedo”, sinala a concelleira e presidenta de Novas Xeracións Laura Alonso. Un criterio de selección recoñecido polo propio Xaime Rei na sesión plenaria celebrada este mércores, na cal os populares formularon unha pregunta sobre o cobro dun total de 900 euros cos que foron agraciados os dous maceiros que acompañaron ao Alcalde nas procesións de Semana Santa e do Cristo dos Navegantes. Ámbolos dous maceiros, membros recentemente nomeados das Xuventudes Socialistas de Redondela, percibiron a cantidade de 150 euros por procesión, “o cal quere dicir que entre os dous embolsáronse a cantidade de 900 euros pagados cos impostos de tódolos redondeláns”, apunta Alonso.
O Partido Popular xa denunciara anteriormete este favoritismo e partidismo no Concello, que foi ratificado por Xaime Rei, quen ao ser preguntado polos criterios cos que se seleccionaban aos maceiros, dixo literalmente “o criterio é o dedo do Alcalde”. “Consideramos esta resposta”, asegura Alonso, “non só unha falla de respeto cara ás institucións públicas e un signo da prepotencia co que habitualmente trata aos veciños, senón tamén unha burla aos contribuíntes, que se reviste de gravidade ao tratarse de beneficiarios do seu propio partido”.
Por tal motivo, o PP local esixelle ó goberno do Concello de Redondela que “rectifique no seu proceder indigno e inmoral e estableza uns criterios determinados de selección para ocupar ditos postos de maceiros en vindeiras procesións, evitando así o despilfarro partidista ao que se ven sometendo ás arcas públicas”, conclúe a concelleira.