28 mayo 2009

Primeras decisiones en relación al operativo del Año Santo 2010

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .-A Secretaria Xeral para o Turismo, Carmen Pardo López, asistiu hoxe en Madrid á Comisión Executiva do Consello Xacobeo na que se acordaron, entre outros temas, as medidas para obter as exencións fiscais para as empresas que patrocinen o vindeiro Xacobeo 2010 e mais aspectos relativos á imaxe gráfica do evento. Na comisión, cuxos acordos han de ser elevados a Pleno do Consello Xacobeo, participaron representantes do Ministerio de Cultura e de Turespaña, do Ministerio de Economía e Facenda, do Ministerio de Fomento e mais do Ministerio de Medio Ambiente, Rural e Mariño, así como das Comunidades Autónomas de Galicia, Asturias, Cantabria, Aragón, Castela e León e mais da SECC (Sociedade Estatal de Conmemoracións Culturais) e da SEACEX (Sociedade Estatal para a Acción Cultural Exterior).

O devandito Pleno do Consello Xacobeo celebrarase durante a primeira quincena de xuño e nel participarán o conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda Valenzuela; e mais o Conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela Fariña. Grazas a esta comisión previa ao pleno, en Galicia xa se poden iniciar os trámites de captación de subvencións. Debido a que este proceso só pode ser xestionado polas Comunidades Autónomas a entidade que o xestionará en Galicia será a S.A. de Xestión do Plan Xacobeo.

O Consello da Xunta fará unha delegación de inmediato na S.A. de Xestión do Plan Xacobeo para acelerar os trámites. A dedución por patrocinios por parte das empresas faise a través do imposto de sociedades. No actual contexto, as empresas poderán aplicar esta dedución nun prazo de dez anos, ata que teñan un imposto positivo, no caso de que queiran patrocinar o Xacobeo. Hoxe presentouse o libro que desenvolve as directrices que se teñen que cumprir cos patrocinios e que tamén será levado a Pleno.

Proposta de Plan Específico de Promoción Internacional e un logotipo único
Turespaña presentou hoxe no contexto da comisión un plan específico de promoción internacional do que Galicia tamén forma parte. Galicia propuxo, ademais, a todas as Comunidades Autónomas presentes a utilización dun logotipo único para utilizar en todos os actos de promoción nacional e internacional. Así mesmo, Galicia solicitou que o mesmo logotipo fóra utilizado neste plan de promoción de Turespaña, tema que se abordará nun vindeiro encontro que terá lugar en Santo Domingo de la Calzada o día 29 de xuño. En caso de que esta proposta fora aprobada polo pleno sería a primeira vez que todas as comunidades utilizan a mesma imaxe promocional do Ano. Para acadalo, os representantes do Goberno Galego, a Secretaria Xeral de Turismo, Carmen Pardo; e mais o Director Xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, presentaron un documento previo de cesión da marca e un novo manual de identidade corporativa para o uso do logotipo. Así mesmo, aportaron un argumentario no que se explican as vantaxes e as necesidades de utilización do logotipo único e de manter a marca tal e como está (co X –de Xacobeo- en lugar de coa J –de Jacobeo- como defendía algunha comunidade).

Doutra parte, presentáronse as actividades conxuntas programadas dende algunhas Comunidades Autónomas e dende a propia SECC para materializar no Ano Santo. A Secretaria Xeral para o Turismo advertiu de que Galicia non fixera no anterior goberno ningunha proposta e de que, malia estar moi axustados de prazos, pediran autorización para encaixar antes do día 8 do mes que vén –data prevista para reunirse e abordar este asunto- unha proposta galega.

Actos inaugurais
Así mesmo, abordouse o tema da acollida dos actos inaugurais do Ano Santo Compostelán. Dúas comunidades fixeron as súas propostas xa en 2007 pero –malia que adoita planificarse con moita antelación- nos últimos tres anos o Goberno de Galicia non se manifestou sobre esta posibilidade. Os actos inaugurais terán lugar durante o primeiro trimestre do ano e contarán coa participación da Casa Real.