VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .-O presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, anunciou hoxe en rolda de prensa a adxudicación das obras de rehabilitación e ampliación do Pavillón Polideportivo de Crecente, que concello e organismo provincial desenvolverán conxuntamente. A obra obxecto deste contrato, para a que se estima un prazo de execución de oito meses, conta cun orzamento total de 501.000 euros.
As obras, financiadas en dúas anualidades, implicarán o derrubo da instalación actual, situada no entorno do colexio, para substituíla por un edificio completamente novo e adaptado ás demandas actuais dos deportistas e usuarios xa que a antiga infraestrutura non reunía as condicións necesarias para a práctica deportiva.
A administración provincial asume a licitación, dirección, execución e recepción das obras contempladas no proxecto técnico. Pola súa banda, o Concello de Crecente puxo a disposición os terreos necesarios para poder levar a cabo a actuación, así como a correspondente licenza municipal e trámite ante outros organismos das autorizacións precisas.
Rafael Louzán salientou, por último, que “a construción dun pavillón polideportivo en condicións óptimas era unha demanda prioritaria do municipio, unha necesidade que os veciños do concello de Crecente levaban anos reclamando”.