VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .- A deputada nacionalista Carme Adán considera que o goberno que preside Núñez Feijóo pretende “crear alarma” no relativo á planificación do Xacobeo. En relación ás recentes afirmacións da secretaria xeral de Turismo, asegurou que “o BNG fixo os deberes durante o seu paso polo goberno galego e pola área de Turismo e agora o que teñen que facer é poñerse a gobernar”.
Nese sentido, Adán lembra que durante o período 2007-2008 se estabeleceron conversas desde a secretaría de relacións institucionais co Ministerio de Economía e Facenda para que se lle concederan os beneficios fiscais ás empresas que colaborasen co Xacobeo 2010, fronte ao que afirma o PP. A partir de aí, estabelecéronse mecanismos de interlocución con estas entidades que amosaron o seu interese en participar. A deputada do BNG sinala que “o novo goberno leva case dous meses pero non fixo nada desde que tomou posesión, e aí reside o problema”.
Infraestruturas
A deputada do BNG recordou tamén que durante o mandato do goberno bipartito, “no ámbito das infraestruturas se investiron máis de 39 millóns de euros para construcción de albergues, sinalización e recuperacion do patrimonio cultural”. Por exemplo, a Casa de Lusío ou a restauración de igrexas.
Carme Adán tamén recorda que hai, “vinte exposicións están en disposición de percorrer o mundo, como é o caso da mostra Compostela e Europa na que están os espacios negociados en capitales europeas ou a exposición Un camiño, seis olladas que neste momento percorre Latinoamérica. Por último, o BNG recorda que xa está preparada a programación musical nos programas Vai de Camiño e Via Stellae.