26 mayo 2009

La Xunta anuncia otra rebajita de impuestos en el próximo verano

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .-A Xunta de Galicia aprobará na primeira quincena de xuño a Lei galega de medidas tributarias relativas ao imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados para o fomento do acceso á vivenda, unha vez que conte co respectivo informe do Consello Económico e Social. Deste xeito, o Executivo que preside Alberto Núñez Feijóo dá cumprimento cunha das súas principais medidas de alivio fiscal ás familias comprometidas.

Non son certas, polo tanto, as acusacións realizadas esta mañá polos voceiros do PSdeG, xa que o Executivo galego se comprometeu a rebaixar o 50 por cento dos impostos autonómicos que gravan a adquisición de vivenda para familias numerosas e mozos menores de 36 anos nos 100 primeiros días de Goberno e vaina acometer antes de que se cumpran dous meses da súa toma de posesión. Esta medida beneficiará a máis de 67.000 familias e ao redor de 500.000 galegos que verán rebaixado o imposto de transmisións patrimoniais do 7% ao 4% e o de actos xurídicos documentados do 1% ou o 0,75%, segundo os casos, ao 0,33%.

Na mesma liña, a Xunta lembra que xa se adoptaron outras medidas económicas co obxectivo de favorecer a economía das familias galegas e impulsar os sectores produtivos. Proba disto é a posta en marcha do Plan re-móvete, que prevé axudas directas que oscilan entre os 500 e os 700 euros para a compra dun automóbil, e entre 1.000 e 1.500 no caso de vehículos industriais lixeiros para os autónomos, microempresas ou pemes vinculadas aos sectores punteiros da economía galega. De igual xeito, o Goberno presidido por Núñez Feijóo está a tramitar unha axuda financeira aos gandeiros no marco do regulamento de mínimis, acompañada do correspondente convenio coas entidades financeiras, para que estas posibiliten o acceso a préstamos por un importe similar, no seu caso, ao pago único, que non se fará efectivo ata o 1 de decembro, como todos os anos.

Estrutura periférica da Xunta
En relación ás críticas vertidas polo PSdeG sobre que a nova estrutura periférica da Xunta non cumpre coa austeridade prometida, o Goberno galego reitera que responde ao compromiso de “adelgazar” a Administración aumentando a súa eficacia e ao obxectivo de cumprir con catro compromisos electorais: austeridade, desenvolvemento das áreas metropolitanas dentro do consenso, igualdade de oportunidades para toda Galicia, e outorgamento de maior relevancia aos empregados públicos.

O Executivo galego remarca que a nova estrutura territorial suporá un aforro de case 4 millóns de euros ao ano, máis de 15 millóns ao longo de toda a lexislatura. De feito, coa nova estrutura orgánica redúcense nun 50 por cento o número de altos cargos e nun 25 por cento o número de consellerías. En canto ás delegacións territoriais, o actual Executivo autonómico reduce a 5 as 52 delegados provinciais existentes co bipartito. Esta medida garante o compromiso coa austeridade que supón reducir os delegados provinciais e só afecta aos altos cargos e, en ningún momento, aos empregados públicos nin á prestación dos servizos.

CRTVG
Respecto aos reproches do PSdeG pola proposta de nomeamento de Alfonso Sánchez Izquierdo como director da CRTVG, o Goberno galego salienta que, por primeira vez o Consello da Xunta lle propuxo ao Parlamento este nomeamento e que, por primeira vez, o candidato estivo consensuado co PSdeG, tendo en conta en todo momento a súa opinión e posición en relación cos candidatos propostos polo Partido Popular.

Insiste, ademais, en que o PP lle propuxo ao PSOE catro candidatos e os socialistas seleccionaron un deles, e esa selección foi seguida e admitida polo PP. Posteriormente, ao acadar ese consenso, notificóuselle ao BNG por se tiña que facer algún comentario.