28 mayo 2009

La más completa información del Consello de la Xunta de cada semana, siempre en MORRAZO-TRIBUNA

REFERENCIA DO CONSELLO DA XUNTA DE GALICIA
QUE TIVO LUGAR NO PAZO DE RAXOI
O DÍA 28 DE MAIO DE 2009,
BAIXO A PRESIDENCIA DO
SR. D. ALBERTO NÚÑEZ FEIJÓO


PROXECTOS DE LEI

CONSELLERÍA DE FACENDA

• Proxecto de lei polo que se modifica o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro

• Proxecto de lei polo que se modifica o texto refundido da Lei da función pública de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo

DECRETOS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

• Decreto polo que se cesa a Benigno Sánchez García como director xeral da Compañía de Radio Televisión de Galicia

• Decreto polo que se nomea a Alfonso Sánchez Izquierdo como director xeral da Compañía de Radio Televisión de Galicia

CONSELLERÍA DE FACENDA

• Decreto polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda

CONSELLERÍA DE SANIDADE

• Decreto polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Sanidade

• Decreto polo que se establece a estrutura orgánica do Servizo Galego de Saúde

CONSELLERÍA DO MAR

• Decreto polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Mar


CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

• Decreto polo que se dispón a substitución de membros do Consello Escolar de Galicia

ACORDOS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

• Acordo polo que se procede ao persoamento da Xunta de Galicia e presentación de alegacións no recurso de inconstitucionalidade promovido polo presidente do Goberno contra a disposición adicional segunda da Lei da Comunidade Autónoma de Galicia 18/2008, do 29 de decembro, de Vivenda

• Acordo polo que se fixa o módulo para a distribución do crédito que figura nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2009, destinado a sufragar os gastos de funcionamento dos xulgados de paz

• Acordo polo que se autoriza o compromiso de gasto, de carácter plurianual, recollido na Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de programas de cooperación para o desenvolvemento no exterior promovidos polas Organizacións non Gobernamentais de Desenvolvemento e pola que se convocan as correspondentes ao ano 2009.

CONSELLERÍA DE FACENDA

• Acordo polo que se modifican os límites establecidos para compromisos plurianuais en relación cunha orde pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan axudas de miminis pola Consellería do Medio Rural

• Acordo polo que se autoriza a conselleira de Facenda para realizar de oficio, de acordo co previsto no artigo 65.1 d) do Texto refundido da Lei de réxime orzamentario e financeiro de Galicia; transferencias do 30% de cada unha das dotacións iniciais correspondentes ao concepto “Persoal de Gabinete” ao capítulo 5, do programa 621B “Imprevistos e funcións non clasificadas”

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS

• Acordo polo que se autoriza a sinatura do convenio de adhesión á Axencia de Protección de Legalidade Urbanística a subscribir co Concello de Mugardos

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA

• Acordo polo que se aproba definitivamente o proxecto do parque eólico denominado Oribio (concellos de Samos e Triacastela (Lugo)), como proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, de acordo co previsto na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia

• Acordo polo que se aproba definitivamente o proxecto do parque eólico denominado Alto do Seixal (Farrapa I fase II), concellos de Abadín, Mondoñedo e A Pastoriza (Lugo), como proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, de acordo co previsto na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

• Acordo polo que se autoriza a sinatura do convenio entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia e a Deputación Provincial da Coruña, para o funcionamento do Centro de Formación Profesional Calvo Sotelo durante o curso 2009/2010

CONSELLERÍA DE SANIDADE

• Acordo polo que se autoriza a subscrición da cláusula adicional oitava ao concerto de data 1 de marzo de 2004, establecido entre o Servizo Galego de Saúde e a Fundación Centro Oncolóxico de Galicia, pola que se fixa a actividade sanitaria para o ano 2009

• Acordo polo que se autoriza a subscrición da cláusula adicional novena ao concerto de data 1 de marzo de 2004, establecido entre o Servizo Galego de Saúde e a Fundación Centro Oncolóxico de Galicia, pola que se establecen as condicións de facturación dos programas especiais farmacoterapéuticos para o ano 2009

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

• Acordo polo que se declara expresamente a prevalenza da utilidade pública do proxecto de execución do parque empresarial de Tomiño, sobre a do monte veciñal en man común “Galelo, Sobreiro e outros”, pertencente á Comunidade de Tomiño, promovido polo Instituto Galego de Vivenda e Solo

• Acordo polo que se autorizan compromisos de gastos de carácter plurianual, por parte da Consellería do Medio Rural, en relación coa orde pola que se regulan e convocan as axudas á bonificación de custos financeiros de préstamos formalizados para a disposición dos importes dos pagamentos de axudas ás explotacións leiteiras galegas


A XUNTA ADAPTA OS CRITERIOS ORZAMENTARIOS AOS DA CONTABILIDADE NACIONAL PARA GAÑAR EN TRANSPARENCIA

• Modifica a Lei de réxime financeiro e orzamentario para integrar nas contas fundacións, axencias e consorcios

O Consello da Xunta aprobou hoxe un anteproxecto para modificar o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario co obxectivo de adaptar esta norma á Lei de estabilidade orzamentaria do Estado e dotar dunha maior transparencia ás contas públicas.

Este cambio implicará que se integren nos orzamentos xerais da comunidade autónoma os das fundacións do sector público autonómico, as axencias e os consorcios con participación maioritaria da Xunta de Galicia.

Co fin é adaptar algúns preceptos á nova estrutura institucional da Administración autonómica, tras a creación de novos tipos de entidades integrantes do sector público galego, tales como fundacións, axencias e consorcios, precisas para prestar un servizo público áxil e eficiente.

A Consellería de Facenda lembra que o obxectivo de estabilidade orzamentaria debe cumprirse tanto na fase de elaboración, como de aprobación e execución do orzamento, de acordo coa normativa básica do Estado, polo que a Xunta entende que resulta necesario adaptar a norma financeira da comunidade autónoma para acadalo.

Así, este departamento autonómico entende que a reforma é precisa pola incerteza do resultado da liquidación orzamentaria se o equilibrio nas contas se basea na simple igualdade dos capítulos non financeiros, sen ter en conta con anterioridade os axustes que provocan nos ingresos e gastos os criterios de contabilidade nacional nin todas as entidades que integran o sector administracións públicas.

Con esta modificación os orzamentos galegos estarán en disposición de poder ser comparados en termos do Sistema Europeo de Contas Nacionais e Rexionais, cuxa finalidade é realizar unha descrición sistemática e detallada dunha economía no seu conxunto, os seus compoñentes e as súas relacións con outras economías.

A reforma afecta ao artigo 48 do texto refundido da Lei de Réxime Financeiro e Orzamentario e entrará en vigor antes de que se diten as normas para a elaboración dos orzamentos do ano 2010, que comezará coa orde anual que se publica o vindeiro mes de xuño.



APROBADA A MODIFICACIÓN DA LEI DA FUNCIÓN PÚBLICA PARA GARANTIR A ELECCIÓN DO IDIOMA NAS OPOSICIÓNS

• A Xunta quere primar a liberdade na opción lingüística entre os dous idiomas cooficiais
• A medida será aplicable a todos os procesos selectivos en curso e que aínda non estean finalizados

O Consello da Xunta acordou na súa reunión de hoxe modificar o artigo 35 do Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei da Función Pública, co obxectivo de que a Administración autonómica poida garantir os dereitos constitucionais e lingüísticos dos cidadáns e para que nas oposicións se poida elixir entre o galego, como lingua propia da comunidade, e o castelán, como lingua cooficial en Galicia.

Atendendo á Lei de Normalización Lingüística, que apunta que nas convocatorias de procesos selectivos ten que considerarse, entre outros méritos, o grao de coñecemento das linguas oficiais, incluirase o coñecemento do galego, ponderado segundo o grupo de clasificación, co obxecto de garantir a capacitación no idioma propio de Galicia por parte do persoal que se seleccione para acceder á función pública galega.

Por iso, haberá que superar un exame en galego para demostrar o coñecemento desta lingua, agás para aqueles que o acrediten conforme a normativa vixente. As bases das convocatorias dos procesos selectivos serán as que establecerán o carácter e a valoración deste exame. O cambio legal tamén fixa que poderá haber outras probas que teñan que realizarse en galego para aquelas prazas que requiran un especial coñecemento deste idioma.

Así mesmo, en determinados corpos, escalas e/ou categorías pertencentes ao ámbito sanitario, social ou outros que se establezan, a consellería competente en materia de función pública poderá modular a necesidade de acreditación do coñecemento da lingua galega co fin de posibilitar unha axeitada prestación dos servizos públicos á cidadanía.

A liberdade de elección de lingua galega e castelá nas probas selectivas aplicarase a todo os procesos selectivos da comunidade autónoma en curso e que aínda non estean finalizados, respecto daqueles exercicios non realizados ata o momento da entrada en vigor desta modificación lexislativa.

A Xunta lembra que, tal como establecen os textos legais, na Comunidade Autónoma de Galicia existe a cooficialidade lingüística dos idiomas galego e castelán, polo que os dereitos lingüísticos da cidadanía abranguen o dereito ao uso de calquera das dúas linguas oficiais, sen ningún tipo de discriminación.

Neste senso, o Goberno galego entende que o que debe primar é o absoluto respecto á hora de que os cidadáns elixan con liberdade a lingua na que se queren expresar, sen que esixencias do poder público, en calquera dirección que se realicen, poidan menoscabar o exercicio dese dereito.

A Consellería de Facenda tamén apunta que o acceso á función pública debe respectar os principios de mérito e capacidade, establecidos no artigo 103.3 da Constitución Española, principios recollidos así mesmo no artigo 36 do Decreto lexislativo 1/2008.

APROBADA UNHA NOVA ESTRUTURA ORGÁNICA DA CONSELLERÍA DE FACENDA MÁIS AUSTERA E EFICIENTE

• Ademais da conselleira, integran a estrutura da consellería, a Secretaría Xeral e do Patrimonio, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e cinco direccións xerais: Orzamentos, Tributos, Política Financeira e Tesouro, Planificación e Fondos, e Función Pública
• Tamén se adscriben ao Instituto Galego de Estatística, o Tribunal Galego de Defensa da Competencia, o Centro Informático para a Xestión Tributaria, Económico-Financeira e Contable (CIXTEC) e o Consello Económico e Social de Galicia

O Consello da Xunta aprobou na súa reunión de hoxe o decreto polo que se establece a nova estrutura orgánica da Consellería de Facenda. O obxectivo é reforzar o control do gasto público na comunidade autónoma, cun organigrama de máis peso enfocado ao control do gasto público, combinando o control orzamentario e a xestión do persoal, coa incorporación da Dirección Xeral da Función Pública.
Este novo deseño non suporá ningún custo a maiores respecto do anterior e permitirá unha xestión máis eficiente a un menor custo. Segundo o devandito decreto, esta consellería ten encomendadas as competencias en materia de facenda establecidas no Estatuto de Autonomía, así como as de función pública, de conformidade coa lexislación vixente.
Ademais da conselleira, integran a estrutura da Consellería, a Secretaría Xeral e do Patrimonio, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e cinco direccións xerais: Orzamentos, Tributos, Política Financeira e Tesouro, Planificación e Fondos e Función Pública. Ademais, tamén se lle adscriben o Instituto Galego de Estatística, o Tribunal Galego de Defensa da Competencia, o Centro Informático para a Xestión Tributaria, Económico-Financeira e Contable (CIXTEC) e o Consello Económico e Social de Galicia.

A Secretaría Xeral e do Patrimonio excercerá as competencias de Presidencia da Xunta consultiva de Contratación Administrativa da Comunidade Autónoma; a organización, mantemento e custodia do Rexistro Xeral de Contratistas da Comunidade Autónoma de Galicia; e a organización, mantemento e custodia do Rexistro Xeral de Contratos da Comunidade. Para o exercicio das súas competencias a Secretaría Xeral e do Patrimonio estrutúrase en cinco unidades administrativas: a Vicesecretaría Xeral Técnica; a Subdirección Xeral do Patrimonio; a Subdirección Xeral de Apoio Técnico-xurídico e Defensa da Competencia; a Subdirección Xeral de Xestión Económica Patrimonial do Sector Público Empresarial e a Secretaría Xeral da Xunta Consultiva de Contratación Administrativa.
Pola súa banda, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma ten as seguintes competencias: efectuar o control interno da actividade económico-financeira da Comunidade Autónoma de Galicia; dirección e xestión da contabilidade pública; as actuacións de control financeiro de subvencións; actuacións de auditoría de fondos comunitarios que lle correspondan e a xestión da información económico-financeira e formulación de informes e propostas de actuación. A intervención está formada pola súa vez por seis unidades administrativas: a Subdirección Xeral de Fiscalización e Control Interno; a Subdirección Xeral de Contabilidade; a Subdirección Xeral de Auditoría de Fondos Comunitarios e Subvencións; a Subdirección Xeral de Control Financeiro Permanente e Auditoría do Sector Público; a Subdirección Xeral de Coordinación e Relacións co Consello de Contas e as intervencións delegadas nas consellerías.
A Dirección Xeral de Orzamentos ten as competencias de dirección e coordinación das actuacións relativas á planificación, programación e presupostación do sector público autonómico e dos seus custos de persoal, así como o seguimento da súa execución. Esta dirección estrutúrase en catro unidades administrativas: a Subdirección Xeral de Orzamentos; a Subdirección Xeral de Recursos e Análise Orzamentaria; a Subdirección Xeral de Control Orzamentario do Gasto e a Subdirección Xeral de Custos de Persoal.
Á Dirección Xeral de Tributos compételle a análise e o deseño da política global de ingresos públicos, no relativo aos tributos cedidos polo Estado á Comunidade Autónoma e aos tributos propios e prezos que esta estableza; dirección, impulso, planificación, coordinación, control e execución da xestión, e inspección e revisión dos tributos cedidos, así como da xestión e inspección e revisión dos tributos propios e prezos que corresponden á Comunidade Autónoma, aos seus organismos autónomos e demais entidades de dereito público dependentes dela; impulso e coordinación das relacións de colaboración que en materia tributaria poidan establecerse con outras administracións públicas. Para o exercicio das súas competencias a Dirección Xeral de Tributos estrutúrase nas seguintes unidades: a Subdirección Xeral de Impostos Cedidos; a Subdirección Xeral de Taxas, Prezos e demais Tributos Propios e a Subdirección Xeral de Recadación.
A Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro ten as competencias de desenvolvemento e execución das funcións que lle corresponden á Comunidade Autónoma en materia financeira e a xestión da súa Tesourería e, en canto estea atribuída á Comunidade, a doutros entes públicos. Para o exercicio das súas competencias estrutúrase nas seguintes unidades administrativas: a Subdirección Xeral de Operacións Financeiras e Seguros; a Subdirección Xeral de Supervisión de Caixas de Aforro e Entidades Financeiras e a Subdirección Xeral do Tesouro.
A Dirección Xeral de Planificación e Fondos ten todas as competencias atribuídas á Comunidade Autónoma en materia de planificación económica; realización dos traballos e estudos relativos á elaboración, seguimento e avaliación da planificación da actividade económica da Comunidade Autónoma e dos programas económicos a medio e longo prazo; avaliación dos programas económicos sectoriais e territoriais, así como, se é o caso, a instrumentación de propostas para a corrección dos desequilibrios rexionais; seguimento das actuacións e do impacto económico a medio prazo da política económica da Administración autonómica, e das políticas comunitarias, nacionais e rexionais; mantemento de relacións con outras administracións públicas, cos sectores socioeconómicos e axentes sociais en canto se refire ao seguimento das súas actuacións investidoras, e co Consello Económico e Social de Galicia; coordinación e impulso de actuacións da Administración autonómica en materias relacionadas coas políticas rexionais e sectoriais da UE; coordinación das relacións coa Administración xeral do Estado e, se é o caso, coa europea, en materias de coordinación de investimentos, en canto á programación a medio prazo. A Dirección Xeral de Planificación e Fondos está integrada polas seguintes unidades: Subdirección Xeral de Planificación, Subdirección Xeral de Coordinación de Investimentos e Fondos Comunitarios.
Á Dirección Xeral da Función Pública correspóndelle a execución da política de persoal da Administración da Xunta de Galicia nos termos previstos na Lei da función pública e demais normativa que a desenvolva. Para tal fin, coordinará a actuación dos órganos competentes en materia de persoal das distintas consellerías e organismos autónomos dependentes delas, ditando as instrucións oportunas.
As competencias máis destacadas son a elaboración dos anteproxectos de disposicións en materia de función pública; proposta da convocatoria e resolución dos concursos de traslados para a provisión de postos de traballo dos distintos corpos, escalas e categorías á conselleira, así como a fixación dos criterios aos que se deberán someter todas as convocatorias públicas de libre designación; elaboración das ofertas de emprego público; proposta á conselleira da convocatoria das probas selectivas para o ingreso nos corpos, escalas e categorías da Administración da Xunta de Galicia adscritos á Consellería de Facenda; tramitación dos expedientes de incompatibilidades do persoal ao servizo da Xunta de Galicia e altos cargos da Administración autonómica; coordinación das relacións laborais e sindicais con respecto ao persoal ao servizo da Administración da Comunidade Autónoma; convocatorias de listas para cobertura temporal de postos de persoal funcionario e laboral adscritos á Consellería de Facenda ou a xestión e confección do Rexistro de Persoal da Xunta de Galicia.
Para o exercicio das súas funcións a Dirección Xeral da Función Pública contará coas seguintes unidades: a Subdirección Xeral de Réxime Xurídico e Relacións Laborais; Subdirección Xeral de Xestión, Programación e Ordenación de Persoal; a Subdirección Xeral de Provisión de Postos e Selección de Persoal; a oficina de incompatibilidades e boas prácticas e o Servizo de Actualización de Datos do Persoal.




A CONSELLERÍA DE SANIDADE E O SERGAS CONTAN CUNHA NOVA ESTRUTURA ORGÁNICA MÁIS EFICAZ Á VEZ QUE MÁIS AUSTERA PARA DAR RESPOSTA ÁS NECESIDADES DA CIDADANÍA

• Estes cambios na filosofía organizativa e na xestión pública, coa conseguinte redución da estruturación administrativa co fin de facilitar a atención aos galegos e galegas, son continuidade do compromiso establecido pola Xunta de Galicia

O compromiso de austeridade, eficacia e eficiencia no deseño e funcionamento da Administración da Xunta de Galicia, debe ter necesaria translación e reflexo nas normas regulamentarias que establecen a estrutura orgánica dos seus distintos departamentos, entre os que se atopa a Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde.

Estes cambios esenciais na filosofía organizativa e na xestión pública deben ter, tamén, a necesaria continuidade na norma de estrutura da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde, tanto no seu nivel central como no periférico, co obxecto de rebaixar o dimensionamento administrativo e dar resposta ás demandas e necesidades que a xestión do eido competencial propio establece á mesma organización e aos destinatarios da súa actividade.

Así, respecto da Consellería de Sanidade, o Proxecto de Decreto que establece a súa estrutura orgánica, recolle a redución a unha soa dirección xeral, que é a de Saúde Pública e Planificación. Outros órganos superiores da Consellería de Sanidade serán a Secretaría e a Vicesecretaría Xeral, os órganos colexiados (Consello Galego de Saúde, Consello Asesor do Sistema Pública de Saúde, etc.), e a Administración periférica, cos departamentos territoriais da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra.

A organización periférica experimenta unha notable modificación como consecuencia dos cambios producidos na organización territorial da propia Xunta de Galicia. Ademais, a configuración orgánica dos departamentos territoriais acomódase ás necesidades e servizos existentes nos respectivos ámbitos, co obxecto de evitar reduplicacións funcionais ou organizativas.

Cómpre salientar que a anterior Dirección Xeral de Aseguramento e Planificación Sanitaria pasa a integrarse na actual Dirección Xeral de Saúde Pública e Planificación, pasando de ter tres subdireccións xerais e oito servizos a ser unha subdirección xeral con tres servizos. Así mesmo, o antigo servizo de Desenvolvemento de Sistemas e Avaliación de Tecnoloxías pasa a ser a actual Axencia de Avaliación de Tecnoloxías Sanitarias, co obxecto de darlle maior énfase ás funcións atribuídas.

Así mesmo, dentro da área das drogodependencias, créase, na Dirección Xeral de Saúde Pública e Planificación da Consellería de Sanidade, concretamente na Subdirección Xeral de Programas de Fomento de Estilos de Vida Saudables, un servizo de Drogodependencias e Trastornos Adictivos, que elaborará, planificará e coordinará as actividades de prevención e control de trastornos aditivos en xeral.

Dentro dos órganos colexiados a estrutura hoxe aprobada introduce os consellos de saúde de área.

Servizo Galego de Saúde
Respecto do Decreto polo que se establece a estrutura orgánica do Servizo Galego de Saúde, os órganos superiores deste organismo son, en primeiro lugar, os centrais de dirección, que poden ser colexiados, como é o caso do Consello de Dirección; ou unipersoais, como é o presidente, a xerencia do Servizo Galego de Saúde, e as direccións de Asistencia Sanitaria, de Recursos Económicos, e de Recursos Humanos.

En segundo lugar, están os órganos de coordinación do Servizo Galego de Saúde (comité executivo), e, en terceiro termo, os órganos periféricos de dirección (directores das áreas sanitarias).

Entre as novidades que presenta a estrutura do Servizo Galego de Saúde destaca a substitución da figura da Secretaría Xeral pola dunha Xerencia do Sergas, para mellorar a xestión e acadar a maior eficiencia. Ademais, créase unha nova Subdirección Xeral de Desenvolvemento e Seguridade Asistencial, con dous servizos en materia de calidade e atención á cidadanía.

Así mesmo, constitúese a Subdirección Xeral de Xestión Sociosanitaria e Saúde Mental, que, entre outras funcións, analizará os recursos socio-sanitarios existentes nas áreas, procedendo á reordenación destes. Ademais, establecerá os obxectivos e indicadores no ámbito da saúde mental necesarios para acadar a total integración asistencial e a efectiva continuidade de coidados. Ademais, coordinará a xestión da rede de centros asistenciais de drogodependencias, colaborando na implantación e seguimento de programas de mantemento e deshabituación de pacientes drogodependentes ou calquera outro de prevención e reinserción.

Ademais de todo o antedito, créase no Sergas unha nova Subdirección Xeral de Análise, Avaliación Asistencial e Atención ao Paciente, que, entre outras funcións, será o órgano responsable de analizar e avaliar a información sanitaria procedente dos indicadores de actividade e calidade asistencial dos centros, co fin de establecer políticas de seguridade asistencial e mellorar a atención que se presta á cidadanía.




A CONSELLERIA DO MAR ATENDERÁ AS NECESIDADES ACTUAIS DO SECTOR DUN MODO MÁIS ÁXIL E EFICIENTE

• A nova estrutura porá o acento na competitividade, a innovación tecnolóxica, a xestión dos recursos e o desenvolvemento pesqueiro
• O ente público Portos de Galicia incorpórase á Consellería do Mar
• A Subdirección Xeral de Gardacostas pasará a depender directamente da conselleira, Rosa Quintana

O Consello da Xunta aprobou hoxe a nova estrutura da recentemente creada Consellería do Mar, cumprindo o seu compromiso de englobar nun mesmo departamento todas as competencias en materia pesqueira, marisqueira e acuícola, para dar unha resposta máis coordinada, áxil e eficiente ás necesidades reais e aos retos de futuro do sector.

A nova estrutura porá o acento na competitividade e na innovación, a través dos servizos de Coordinación e Control de Fondos, de Mercados e Rexistros, para mellorar a comercialización e a rendibilidade dos recursos; e dos servizos de innovación tecnolóxica da frota, das industrias e da acuicultura, para a súa modernización. Estes servizos encádranse na Dirección Xeral de Competitividade e Innovación Tecnolóxica.

A ordenación dos recursos mariños farase a través dos servizos de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, e a súa xestión a través do departamento de Proxectos e do Servizo de Planificación. Estas serán competencias da Dirección Xeral de Ordenación e Xestión dos Recursos Mariños.

A Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro encargarase do fomento da organización sectorial, do desenvolvemento pesqueiro e do seguimento dos Grupos de Acción Costeira, cun papel destacado nos vindeiros anos. Os servizos de Ensino e Investigación Mariña, cos seus correspondentes centros, quedarán adscritos a esta Dirección Xeral, e contarán cun papel determinante para afrontar os retos de futuro que se presentan ao sector.

Outra das novidades que presenta a nova estrutura da Consellería é a incorporación do Ente Público Portos de Galicia, pola súa relación e participación directa no mundo do Mar. A xestión dos portos queda vinculada a este departamento co obxectivo de acadar unha maior operatividade, coordinación e eficiencia.

A Subdirección Xeral de Gardacostas, que integra o Servizo de Protección de Recursos e o de Busca, Salvamento Marítimo e Loita contra a Contaminación, pasará a depender directamente da conselleira do Mar, Rosa Quintana, na nova estrutura orgánica deste departamento. aprobada hoxe no Consello da Xunta.

O obxectivo desta nova organización da recentemente creada Consellería do Mar é ofrecer unha resposta real ás necesidades actuais do sector da pesca, o marisqueo e a acuicultura, dunha forma máis áxil e máis especializada, e afrontar en igualdade de condicións que outros países do noso ámbito os novos retos de futuro. O dialogo permanente e a participación dos axentes do sector, ofrecida pola titular deste departamento da Xunta, será crucial na consecución destes obxectivos.


A CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN SUSTITÚE OS MEMBROS DO CONSELLO ESCOLAR DE GALICIA

A proposta do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, o Consello da Xunta vén de aprobar un decreto polo que se dispón a substitución dos membros do Consello Escolar de Galicia.

Os novos membros do devandito órgano serán, en representación da Administración educativa, José Luis Mira Lema, José Manuel Pinal Rodríguez, José Luis Vázquez Fernández, Anxo Manuel Lorenzo Suárez, Manuel Corredoira López e Fernando del Pozo Andrés.


A XUNTA PRESENTARÁ ALEGACIÓNS AO RECURSO DE INCONSTITUCIONALIDADE DO GOBERNO CENTRAL CONTRA A LEI DE VIVENDA DE GALICIA

• A impugnación do Estado impide normalizar a situación dos núcleos rurais preexistentes con anterioridade á Lei de Costas de 1988
• A Xunta reitera a mellor das vontades para defender os intereses dos veciños e das veciñas afectados por esta problemática, e solicita unha vez mais ao Goberno central que amose a súa sensibilidade con este problema

O Consello da Xunta acordou hoxe facultar á asesoría xurídica para presentar alegacións contra o recurso de inconstitucionalidade promovido polo Goberno central contra a disposición transitoria segunda da Lei de Vivenda de Galicia, recurso que foi admitido a trámite polo Tribunal Constitucional, o que supón a suspensión cautelar do precepto impugnado.

A disposición recorrida polo executivo estatal é a que pretende normalizar canto antes a situación dos núcleos rurais preexistentes con anterioridade á Lei de Costas de 1988. A normativa galega equipara ditos núcleos rurais aos núcleos urbanos, reducindo a servidume de protección do dominio público marítimo terrestre de 100 metros a 20. Nesta situación atópanse núcleos situados nos concellos de Marín, Illa de Arousa, Ribeira, Moaña, Redondela, Pobra do Caramiñal ou Malpica.

A Xunta, a través do conselleiro de Medio Ambiente, xa solicitara por carta á ministra Elena Espinosa, a retirada do recurso de inconstitucionalidade, apelando a que, como galega, é perfecta coñecedora da necesidade de que sexa recoñecido o carácter singular dos núcleos rurais como asentamento tradicional en Galicia, cunha importancia salientable no esquema territorial. Na solicitude incidíase tamén en que a disposición recorrida conta co mais amplo apoio parlamentario e social, xa que proporciona unha resposta axeitada á grave problemática que afecta a un dos aspectos característicos da realidade urbanística costeira de Galicia. Dita petición, sen embargo, non impediu que o recurso seguira a súa tramitación.

A Xunta reitera a mellor das vontades para defender os intereses dos veciños e das veciñas afectados por esta problemática, e solicita unha vez mais ao Goberno central que amose a súa sensibilidade coa retirada do recurso de inconstitucionalidade, así como da suspensión cautelar dunha normativa que ten como único obxectivo solucionar un problema que afecta á vida diaria e proporciona un grao importante de inseguridade a moitas familias galegas.


A XUNTA ACHEGARÁ 579.000 EUROS AOS CONCELLOS PARA SUBVENCIONAR OS GASTOS DE FUNCIONAMENTO DOS XULGADOS DE PAZ

• Recibirán estas axudas un total de 270 concellos galegos; 80 deles da provincia da Coruña, 58 de Lugo, 83 da provincia de Ourense e 49 da provincia de Pontevedra

A Xunta de Galicia achegará un total de 579.175,40 euros aos concellos para subvencionar os gastos de funcionamento dos xulgados de paz. Así o aprobou esta mañá o Consello, que acordou fixar os módulos para a distribución do crédito que figura nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 2009.

Neste sentido, as axudas aos municipios para sufragar estes gastos modularanse en función da poboación do seguinte xeito:

Habitantes Contía anual
De 0 a 499 450,79€
De 500 a 999 832,02€
De 1.000 a 2.999 1.570,34€
De 3.000 a 4.999 2.258,76€
De 5.000 a 6.999 2.793,26€
De 7.000 a 10.999 3.229,41€
De 11.000 a 16.000 3.256,78€
De máis de 16.000 4.274,69€

Recibirán estas axudas un total de 270 concellos galegos; 80 deles da provincia da Coruña, 58 de Lugo, 83 da provincia de Ourense e 49 da provincia de Pontevedra.




A XUNTA DESTINA 3 MILLÓNS DE EUROS PARA A EXECUCIÓN DE PROGRAMAS DE COOPERACIÓN AO DESENVOLVEMENTO NO EXTERIOR

• A Consellería de Presidencia aproba unha orde na que se establecen as bases reguladoras da concesión de subvencións para este tipo de programas propostas polas ONGD e se convocan as correspondentes para o 2009
• As solicitudes para estas axudas poderán presentarse no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao de publicación da resolución no DOG

O Consello da Xunta aprobou na súa reunión de hoxe unha orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para execución de programas de cooperación para o desenvolvemento no exterior promovidos polas Organizacións non Gobernamentais de Desenvolvemento (ONGD). Ademais, esta orde tamén convoca as axudas correspondentes ao período 2009 -2012, ás que se lles outorga un importe de 3 millóns de euros.

As solicitudes para estas axudas poderán presentarse no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao de publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia (DOG) e só poderá haber unha proposta de programa por entidade solicitante. Os requisitos que deben reunir as entidades solicitantes son, entre outras, estar inscritas no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación par ao desenvolvemento –polo menos cinco anos de antelación ao da publicación desta convocatoria-; ter realizado nos últimos cinco anos un mínimo de catro intervencións de cooperación ao desenvolvemento e catro actividades formativas, de sensibilización ou de fortalecemento; dispoñer de persoal contratado en Galicia; e contar con capacidade financeira, os recursos humanos e a capacidade operacional suficientes para o correcto desenvolvemento dos programas.

Requisitos para os programas
Pola súa banda, os requisitos que se lle esixen ao programas son non estar iniciados con anterioridade ao 2 de xaneiro de 2009; ter unha duración mínima de 25 meses e máxima de 45 meses (debendo estar executado todo o programa antes do 1 de decembro de 2012); executarse nalgún dos países prioritarios para a cooperación galega ou en calquera País dos Menos Adiantados (PMA); inserirse nas prioridades definidas nos Planos de Actuación por País (PAP) ou, no caso de que non existan, nas prioridades sectoriais definidas na Lei galega de cooperación para o desenvolvemento; estar cofinanciados, nun mínimo dun 10% por recursos alleos ás axudas da Xunta de Galicia.

A Xunta de Galicia poderá financiar ata un 90% do orzamento total do programa, non sendo en ningún caso a subvención concedida inferior aos 300.000 euros e superior a 1.000.000 de euros. A valoración das solicitudes comprenderá a análise da entidade solicitante, da proposta de programa e da contraparte ou socio local e estará a cargo dunha comisión avaliadora formada polo director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea (presidente) e tres funcionarios deste departamento (un como secretario e os outros dous como vogais).

Programas de Cooperación para o Desenvolvemento
Os programas son unha ferramenta de longo percorrido -contan con catro anualidades orzamentarias- que contribúe á consolidación de procesos de desenvolvemento a medio prazo. Están encamiñados a apoiar procesos de transformación integrais nos países en vías de desenvolvemento, contribuíndo dun xeito efectivo á loita contra a pobreza mediante a promoción dun desenvolvemento socioeconómico e cultural sustentable. Un dos principais obxectivos dos Programas é responder á Declaración de París, un texto a través do cal os axentes de cooperación se comprometen a incrementar a eficacia e a eficiencia da Axuda Oficial ao Desenvolvemento.


O NOVO GOBERNO GALEGO REDUCE UN 30% OS GASTOS DE GABINETE E DESTINARÁ O AFORRO AO FONDO DE AUSTERIDADE

O novo Goberno galego vén de aprobar hoxe a redución dunha media do 30% nos gastos de gabinete das distintas consellerías respecto ao previsto polo anterior Executivo bipartito e ten previsto destinar o aforro, de case dous millóns de euros, ao fondo de austeridade que vai poñer en marcha.

O Consello da Xunta aprobou hoxe un proxecto de acordo polo que se autoriza a conselleira de Facenda para realizar de oficio transferencias do 30% de cada unha das dotacións iniciais correspondentes ao concepto “Persoal de gabinete” ao capítulo 5, dedicado a “Imprevistos e funcións non clasificadas”.

O recorte enmárcase na política de austeridade e eficiencia posta en marcha polo novo Goberno galego na actual situación de crise económica. A redución no custo e no número de contratados como persoal eventual de gabinete vén complementar o recorte que se fixo no número de consellerías, que pasaron de trece a dez, e na Administración periférica da Xunta, que pasou de 52 delegados provinciais a tan só cinco delegados territoriais.

En total, o custo anual dos gabinetes da Xunta ascende agora a 5 millóns de euros, fronte aos 7,2 millóns que representaba o persoal eventual no anterior Executivo. A iso hai que engadir os gastos dos gabinetes territoriais, que ascenden a 325.000 euros, de tal xeito que cada un dos delegados territoriais dispón de 65.000 euros anuais para contratar a dúas persoas para o seu gabinete.

Incluíndo esta partida, os gastos de gabinete da Xunta no seu conxunto ascenden a 5,3 millóns de euros, o cal representa un aforro nesta partida do 26% sobre o que o Goberno bipartito dedicaba ao persoal eventual integrado nos gabinetes dos distintos conselleiros.

O CONSELLO DA XUNTA APROBA A ADHESIÓN DO CONCELLO DE MUGARDOS Á AXENCIA DE PROTECCIÓN DA LEGALIDADE URBANÍSTICA

• Esta decisión supón que a APLU exercerá efectivamente as competencias de inspección, supervisión, sanción e restablecemento da legalidade urbanística que correspondan ao municipio de Mugardos

O Consello da Xunta aprobou hoxe o convenio de adhesión do concello ourensán de Mugardos á Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU), de conformidade co disposto no artigo 226.2 da Lei de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia e os artigos 9 e 10 dos estatutos da Axencia.

Esta decisión do Goberno galego supón que a Axencia terá as competencias de inspección, supervisión, sanción e restablecemento da legalidade urbanística que correspondan ao municipio de Mugardos, respecto das obras e usos do solo que se fagan en solo rústico e en solo urbanizable mentres non sexa aprobado o correspondente plan parcial ou de sectorización, así como no ámbito dos núcleos rurais delimitados.

Con esta adhesión serían os 43 os convenios autorizados polo Consello da Xunta e 36 os convenios asinados.

A Axencia de Protección da Legalidade Urbanística exercerá efectivamente dende o día seguinte ao da publicación do convenio no Diario Oficial de Galicia. Non obstante, nesta delegación de competencias non se inclúe a reposición da legalidade nin a potestade sancionadora en relación coas obras completamente rematadas antes da publicación deste convenio, que serán exercidas polo concello.

Así mesmo, os ingresos obtidos por multas coercitivas e sancións administrativas impostas en exercicio das competencias delegadas, serán repartidos a partes iguais de modo que o 50% pasará á Administración autonómica e o 50% restante aos concellos.

Con todo, o concello de Mugardos terá que contribuír ao sostemento da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística e asume determinadas obrigacións como prestar cooperación e asistencia activa que a Axencia lle solicite para o eficaz exercicio das súas competencia; facilitar ao persoal da Axencia o acceso inmediato aos expedientes de planeamento, xestión e disciplina urbanística, así como canta información, documentación e axuda material precise para o adecuado cumprimento das súas funcións; prestar o auxilio da policía local para facilitar as inspeccións, executar as ordes de precintaxe de obras e identificar os responsables das posibles infraccións e absterse de outorgar licenzas urbanísticas que impliquen a legalización de obras e usos do solo respecto dos que a Axencia ordenase a súa demolición, cesamento ou restauración da realidade física alterada, entre outras.

A Axencia de Protección da Legalidade Urbanística é un ente público de natureza consorcial, dotado de personalidade xurídica, patrimonio e orzamento propios e plena autonomía no cumprimento das súas funcións para o desenvolvemento en común pola Administración autonómica e os municipios que voluntariamente se integren nela das funcións de inspección. Restauración da legalidade e sanción en materia de urbanismo e o desempeño de cantas outras competencias lle asignan os seus estatutos.


O CONSELLO DA XUNTA APROBA A INCIDENCIA SUPRAMUNICIPAL DO PARQUE EÓLICO SERRA DE ORIBIO

• O planeamento dos concellos de Samos e Tricastela, na provincia de Lugo, quedan vinculados ás determinacións contidas no proxecto sectorial

O Consello da Xunta de Galicia, reunido hoxe en Santiago, aprobou definitivamente, a proposta da Consellería de Economía e Industria, a través da súa Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, o proxecto do parque eólico denominado Serra do Oribio como proxecto sectorial de incidencia supramunicipal de acordo co previsto na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia. Deste xeito, os planeamentos dos concellos de Samos e Tricastela, ambos os dous na provincia de Lugo, quedan vinculados ás determinacións contidas no proxecto sectorial que se aproba.

O denominado Parque eólico Serra de Oribio está promovido por Gamesa Fergo Galicia Vento S.L. e conta cunha potencia máxima de 25 MW. As características técnicas do parque abranguen 12 aeroxeradores tipo G-87 de 2.000 KW de potencia nominal unitaria que contan cun diámetro de rotor de 86,6 metros e unha altura de torre de 78. O orzamento total ascende a 19.477.430,66 euros




O CONSELLO DA XUNTA APROBA A INCIDENCIA SUPRAMUNICIPAL DO PARQUE EÓLICO ALTO DO SEIXAL (FARRAPA I FASE II)

• O planeamento dos concellos de Abadín, Mondoñedo e A Pastoriza, todos eles na provincia de Lugo, quedan vinculados ás determinacións contidas no proxecto sectorial

O Consello da Xunta de Galicia, reunido hoxe en Santiago, aprobou definitivamente, por proposta da Consellería de Economía e Industria, a través da súa Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, o proxecto do parque eólico denominado Alto do Seixal (Farrapa I Fase II) como proxecto sectorial de incidencia supramunicipal de acordo co previsto na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia. Deste xeito, os planeamentos dos concellos de Abadín, Mondoñedo e A Pastoriza, todos eles na provincia de Lugo, quedan vinculados ás determinacións contidas no proxecto sectorial que se aproba.

O denominado Parque eólico Alto do Sexial (Farrapa I Fase II) está promovido por Gamesa Energía S.A. e conta cunha potencia máxima de 30 MW. As características técnicas do parque abranguen 15 aeroxeradores tipo G-87 de 2.000 KW de potencia nominal unitaria, cun diámetro de rotor de 86,6 metros e unha altura de torre de 78. A potencia total instalada é de 30 MW, e a produción neta anual estimada achégase aos 95.1000 MWh por ano. O orzamento total ascende a 22.041.569,35 euros, e o parque contará con 15 centros de transformación e liñas de media tensión subterráneas para a evacuación de enerxía.



A CONSELLERIA DE EDUCACIÓN E A DEPUTACIÓN DA CORUÑA GARANTEN A CONTINUIDADE DO CENTRO DE FP “CALVO SOTELO”

O Consello da Xunta vén de autorizar o convenio subscrito entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, e a Deputación da Coruña para garantir o funcionamento do centro de Formación Profesional Calvo Sotelo no curso 2009-10.

O convenio, que leva aparellada unha partida orzamentaria por un total de 106.925 euros a distribuír en dúas anualidades -35.641 antes do 31 de Nadal do presente exercicio, e a segunda, polo importe restante, antes do 31 de agosto de 2010- ten a finalidade explícita de “continuar prestando o servizo público educativo aos alumnos escolarizados ou por escolarizar no centro Calvo Sotelo. O contrato administrativo entre as partes foi inicialmente asinado en 1986 para permitir que aquelas instalacións de formación profesional funcionasen como centro público en réxime de convenio.




O SERVIZO GALEGO DE SAÚDE DESTINA 11,3 MILLÓNS DE EUROS PARA COMPLETAR A ASISTENCIA CO CENTRO ONCOLÓXICO DE GALICIA

• Debido ao desfase existente entre as necesidades reais e a cantidade inicialmente prevista para este 2009 considérase imprescindible incrementar a cantidade establecida en 150.000 euros, ata a contía total de 11,3 millóns
• No Consello da Xunta de hoxe aprobouse ademais outra cláusula adicional de 230.000 euros para programas especiais de farmacoterapia

O Consello da Xunta de Galicia autorizou esta mañá a continuación do concerto da Sanidade pública galega co Centro Oncolóxico de Galicia para o desenvolvemento da actividade necesaria en materia de oncoloxía. Debido ao desfase existente entre as necesidades reais e a cantidade inicialmente prevista considérase imprescindible incrementar a contía en 150.000 euros para este 2009. En concreto, establécese un orzamento total de 11.339.600 euros para a prestación de servizos sanitarios de diagnóstico e tratamento do cancro, tamén quedaron actualizadas as tarifas do programa de Medicina Nuclear para o ano 2009, que recibe un importe máximo de 1.477.238 millóns de euros, e a definición dos programas de calidade como obxectivos de mellora do proceso asistencial.

O concerto especifica a carteira de servizos, os conceptos facturables, e os programas de control de calidade. Así, do 11,3 millóns de euros, a Sanidade pública galega destinará un máximo de 547.767 euros a hospitalización, e 30.847 para hospitalización a domicilio. Para consultas externas, o Servizo Galego de Saúde destina 356.018 euros; outros 5.072.965 euros a radioterapia, 1.477.238 a Medicina Nuclear, e outros 3.854.763 a procesos de quimioterapia.

A cláusula adicional autorizada hoxe tamén especifica os obxectivos de mellora do proceso asistencial, entre os que destaca a atención ao doente e usuario, é dicir, o Servizo Galego de Saúde comprométese a mellorar as condicións do proceso de acceso, acollida, de confort e trato ao usuario. Tamén quedaron establecidas as dimensións de programas con enfoque á prevención e control dos resultados, a dimensión da xestión de actividade asistencial, a protección radiolóxica do doente, e o plan de calidade do centro.

Por outra banda, o Consello da Xunta tamén autorizou hoxe outra cláusula adicional entre o Servizo Galego de Saúde e a Fundación Centro Oncolóxico de Galicia pola que se establecen as condicións dos programas especiais farmacoterapéuticos para o ano 2009 por un importe de 230.000 euros.

Estes programas especiais definen os medicamentos autorizados para determinadas indicacións, e os medicamentos das enfermidades de baixa frecuencia e alto custo, que precisando dunha estrita supervisión, monitorización e control por persoal sanitario especializado, deben ser dispensados baixo a supervisión e control da farmacia do centro, aínda que o paciente non estea hospitalizado.

Estes programas, serán establecidos oficialmente pola Subdirección Xeral de Farmacia e Produtos Sanitarios da Consellería de Sanidade

A XUNTA DECLARA A UTILIDADE PÚBLICA DO MONTE VECIÑAL AFECTADO POLO PROXECTO DE CONSTRUCIÓN DO PARQUE EMPRESARIAL DE TOMIÑO

O Consello da Xunta acordou hoxe declarar a prevalencia da utilidade pública do proxecto de execución do parque empresarial Tomiño (Pontevedra) sobre a do monte veciñal en man común ‘Galego, Sobreiro e outros’, pertencente á Comunidade de Tomiño. O Goberno galego toma esta decisión por proposta da Consellería do Medio Rural e como trámite necesario para a construción do parque empresarial que promove o Instituto Galego de Vivenda e Solo.

O proxecto sectorial do parque empresarial de Tomiño foi aprobado coa declaración de utilidade pública e de interese social das obras, instalacións e servizos previstos, así como a necesidade de ocupación para os efectos de expropiación dos bens e dereitos necesarios para a execución da obra.

A Dirección Xeral de Montes ratificou o informe positivo da Delegación Provincial da Consellería do Medio Rural, elaborado logo de que se lles comunicase o expediente á comunidade de propietarios afectada, sen que esta presentase alegacións.

En total, o proxecto de construción do parque empresarial Tomiño afecta a unha superficie de 2.411 metros cadrados do monte veciñal en man común ‘Galego, Sobreiro e outros’.

Este trámite é preceptivo para a execución de actuacións que deben levar anexa a declaración de utilidade pública e a necesidade de ocupación dos terreos neles comprendidos para os efectos da súa expropiación forzosa. Ademais, exíxese a declaración expresa da Xunta para a expropiación dos montes veciñais en man común por causa de utilidade pública ou interese social prevalente ás do propio monte.




A XUNTA ANTICIPARÁ 70 MILLÓNS DE EUROS AOS TITULARES DAS EXPLOTACIÓNS LEITEIRAS GALEGAS ATA O COBRAMENTO DO PAGAMENTO ÚNICO

• Cada gandeiro poderá acceder, como máximo, a unha contía equivalente ao 90% das cantidades solicitadas na campaña 2009 das axudas de pagamento único e do pagamento adicional
• A Xunta intenta paliar o difícil momento polo que atravesa o sector lácteo na nosa Comunidade

A Xunta de Galicia adiantará 70 millóns de euros aos titulares das explotacións leiteiras galegas ata o cobramento do pagamento único. O Goberno galego autorizou, na súa xuntanza de hoxe, unha orde de axudas que ten por obxecto contribuír a paliar o difícil momento polo que atravesa o sector lácteo na nosa Comunidade e evitar así o peche das explotacións máis afectadas.

O Goberno galego financiará, segundo a orde aprobada hoxe, os xuros e as comisións de apertura dos préstamos. A Consellería do Medio Rural asinará, con este fin, convenios coas principais entidades financeiras que operan en Galicia. Os préstamos, que os titulares das explotacións leiteiras de Galicia poderán solicitar antes do vindeiro 31 de xullo, terán unha contía igual ou inferior ao 90% das cantidades solicitadas na campaña 2009 das axudas de pagamento único e do pagamento adicional.

As axudas establecidas na orde consisten na bonificación da comisión e da totalidade dos xuros dos préstamos que os beneficiarios subscriban coas entidades financeiras colaboradoras, co obxectivo de que os solicitantes poidan dispor do 90% das cantidades solicitadas por un prazo máximo de 9 meses sen custo para o gandeiro.