VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .- O programa de voluntariado do Xacobeo 2010 xa está en marcha. Os interesados en colaborar como voluntarios na organización do Ano Santo poderán apuntarse no mes de xullo nas listas que se porán ao seu dispor en todos os concellos polos que pasa o Camiño de Santiago. A Consellería de Cultura e Turismo ten por obxectivo acadar o Xacobeo máis participativo dos que se teñen celebrado e ofrecerá a posibilidade de ser voluntario sen límites de idade nin condición. O programa de voluntariado estará aberto a todos, dende estudantes e persoas novas ata xubilados e inmigrantes con ganas de involucrarse no proxecto.
A S.A. de Xestión do Plan Xacobeo está a ultimar o programa específico de formación que recibirán os voluntarios que se apunten nos próximos meses. Entre as funcións dos futuros colaboradores estará a de abrir aos peregrinos e ao público en xeral as igrexas e os elementos do patrimonio arquitectónico do Camiño de Santiago que na actualidade non teñen a accesibilidade axeitada. A tal efecto, xa se estableceron os primeiros contactos coas autoridades eclesiásticas para acordar o réxime e condicións da apertura.
Segundo o programa de voluntariado do Xacobeo 2010 deseñado pola Consellería de Cultura e Turismo, a figura do colaborador será esencial para poder ofrecer en cada tramo a información máis completa posible ao peregrino. Na planificación realizada contémplase tamén que os voluntarios realicen tarefas de asistencia aos camiñantes nas súas respectivas áreas de residencia.
Rede social on line
Os interesados en involucrarse activamente no Ano Santo terán unha vía pioneira de participación na celebración do Xacobeo 2010 grazas ás novas tecnoloxías. Os peregrinos que recorran o Camiño de Santiago e os internautas en xeral terán a posibilidade de participar nunha rede social “on line” propia do Xacobeo. Neste foro poderán relacionarse e intercambiar información, consellos, datos e material multimedia como fotografías ou vídeos sobre as rutas e as experiencias vividas durante o traxecto.
A Consellería de Cultura e Turismo pretende deste xeito respostar aos usos que veñen marcando os millóns de usuarios de redes sociais xa existentes en internet como Facebook, Tuenti, Flickr ou Youtube onde o Xacobeo 2010 tamén estará presente.