VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .O Presidente do Goberno español, José Luis Rodríguez Zapatero, descartou esta mañá, na súa resposta ao portavoz do BNG, Francisco Jorquera, a posibilidade da participación directa das CC.AA na UE cando se traten asuntos que afectan ás súas competencias.
O deputado do BNG dirixíase a Zapatero no Pleno para preguntarlle que dispór ten o Goberno a que as CC.AA poidan negociar directamente en Bruxelas os asuntos relativos ás súas competencias exclusivas como é o caso do agro ou a pesca para Galiza.
Zapatero fala dun modelo indirecto
O Presidente do Goberno deixou claro que é o Estado español quen ten a representación na UE. Sinalou que o Goberno abrira vías de participación e así no ano 2004 se acordou un modelo de participación autonómica cando na UE se aborden temas que lles afectan como a pesca, o agro, cultura. Mais, relegou esa representación ao feito de contar cun representante das CC.AA nas xuntas preparatorias dun Consello Europeo e na delegación española. “Un representante que o fai en nome de todas as CC.AA e expresa unha posición común”, engadiu Zapatero.
Argumentou que este modelo de vía indirecta se comezou a utilizar no ano 2005, salientando que en catro anos as CC.AA participaran en 126 ocasións, “concertando as súas posicións co Estado”. Para Zapatero “este é o camiño a seguer” e non descartou que “se poidan explorar novas vías”. O Presidente do Goberno asegurou a Jorquera que o Goberno “procura contar coas CC.AA” e que contará con Galiza para os temas “aos que fai referencia que afectan a Galiza de maneira destacada”.
O BNG pón o exemplo alemán
Jorquera puxo de manifesto que “mentras no Estado español os mecanismos de participación das Comunidades son moi limitados, e sempre desde unha posición subalterna á representación do Goberno central, no ocurre así noutros Estados europeos”.
Puxo como exemplo o caso de Alemaña coa participación dos länder através do Bundesrat.
“Cando os asuntos da UE afectan ás competencias exclusivas dos länder, a posición expresada polo Bundesrat é determinante, e incluso a representación de Alemaña pode recaer nun membro dun Goberno rexional”, afirmou o parlamentar nacionalista.
Tamén aludiu ao caso de Bélxica onde as rexións teñen a posibilidade de representar e comprometer co seu voto ao Estado belga. O deputado do BNG dixo ao Presidente do Goberno que as CC.AA “tamén son Estado” e subliñou que nos vindeiros cinco anos son moitos os temas que se abordarán na UE que afectarán ás súas competencias.
Galiza debería negociar directamente co leite e a pesca
Nomeou os temas que van afectar a Galiza: a Política Común de Pesca, “un sector para o que se anuncian novos e duros axustes”. Lembrou o peso que a pesca ten na Galiza onde representa o 10% do PIB e dá emprego a perto de 25.000 persoas.
A reforma da PAC e a revisión da política de costas no sector lácteo, foi outro dos temas de relevancia que mencionou. “É preciso seguer a regular os dereitos de producción. Non é lóxico que os gandeiros galegos tiveran que se endebedar para adquirir cota estar en condicións de competir para que a metade de partido muden as reglas de xogo”.
Neste sentido, Jorquera sinalou que é necesario correxir os desequilibrios porque “non é xusto que a cota asignada ao Estado sexa moi inferior ao seu consumo interno mentras que con outros Estados ocurre todo o contrario”.
“Non é lóxico que Galiza, que ten as competencias, non poida sentar na mesa de negociación”, sentenciou.