VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .-A negociación no sector do metal en Pontevedra queda suspendida temporalmente, desde este mediodía, á espera de que se produzan as condicións técnicas axeitadas para retomar a negociación. En todo caso, desde a Consellería de Traballo quérese incidir en que non se trata dunha ruptura do diálogo, xa que o Goberno galego continuará mantendo “todos os encontros, formais ou informais, con patronal e sindicatos, que faga falta”, partes coas que se está a ter e seguirá tendo un “diálogo continuo”
A decisión de suspensión foi aprobada de común acordo por ambas partes implicadas. A postura derívase de que, pese a que esta semana se produciron avances, as posicións aínda están o suficientemente distanciadas como para chegar a un acordo, polo que se viu recomendable realizar un pequeno receso co fin de que haxa un espazo para a reflexión e para buscar os puntos de consenso.
Con todo, desde a Consellería de Traballo quérese incidir en que estas diferenzas non supoñen unha ruptura da negociación, pero si impiden, polo momento, chegar a un acordo, ante o que a Xunta, a través da Inspección de Traballo e do Consello de Relacións Laborais, continuará ofrecendo a súa mediación, como fixo desde o primeiro momento, e convocará de novo ás partes en canto se produzan as condicións precisas para facelo.
Desde a Xunta apélase á responsabilidade de ambas partes para manter o diálogo e buscar fórmulas que permitan acadar unha solución consensuada para resolver este conflito que afecta a un sector tan importante para Galicia como é o do metal.