VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .- A Xunta de Galicia, a Administración do Estado e a Federación Galega de Confrarías comprometéronse hoxe a traballar conxuntamente na loita contra o furtivismo. Este é o primeiro acordo acadado para tratar de coordinar todos os medios humanos e materiais das distintas administracións e dos pósitos galegos, co fin de frear estas prácticas ilegais, que nos últimos anos incrementáronse notablemente.
A conselleira do Mar, Rosa Quíntana, promotora do encontro, salientou a importancia deste primeiro paso para, a partir de agora, “crear distintos grupos de traballo e deseñar plans de actuación axustados ás necesidades de control e vixilancia das distintas zonas en que se dividirá o litoral galego”. Se mostro optimista porque –dixo- “nos anos 90 había moito furtivismo, o sector tomo conciencia, organizámonos e reduciuse considerabelmente. Nos últimos anos a presión a esta actividade ilegal relaxouse moito”.
A titular de asuntos pesqueiros da Xunta tamén fixo un chamamento á Sociedade porque “se o consumidor, desde os restaurantes ás amas de casa, pasando polos comercializadores, non compra estes produtos do mar ilegais éstános prestando unha gran axuda”.
O presidente da Federación Galega de Confrarías, Benito González, manifestou pola súa banda a disposición do sector a colaborar nesta iniciativa, para acabar co furtivismo. González explicou que co furtivismo os prezos dos produtos que se extraen de forma legal e regular están baixando na lonxa.
Nesta primeira reunión de traballo participaron representantes da Delegación do Goberno, do Servizo de Protección da Natureza (Seprona), da Garda Civil do Mar, da Consellería de Interior e do Servizo de Gardacostas, ademais das distintas confrarías da costa Da morte, e representantes das de Pontevedra e Lugo.
O Servizo de Gardacostas, en colaboración coa Guarda Civil de Valdoviño, incautouse en Punta Fronxeira, en Ferrol, dun vehículo Opel corsa, 20 quilos de percebe e un traxe de neopreno. Os axentes identificaron ó individuo e comprobaron que tiña unha denuncia do ano 2008 por extraer vieira con toxina.
Por outra banda, o servizo de Gardacostas de Galicia comisou una embarcación na ría de Vigo tras comprobar que a súa tripulación traballaba ilegalmente por partida dobre, por un lado cun despacho nasa de polbo con data de 18 setembro de 2008 e ademais o polbo atópase en tempada de veda ata o 6 de xullo.
E en Corme, dous individuos a bordo dun vehículo ameazaron e arremeteron contra unha patrulla do Servizo de gardacostas. Os feitos ocorreron ás 2:00 da madrugada. Os axentes tiveron que manobrar e apartarse para non colisionar. Os individuos perseguiron ós axentes dende Roncudo ata o Faro e produciuse un forcexo entre ambos. Os axentes interpuxeron unha denuncia no Cuartel da Guarda Civil de Ponteceso por ameazas e por impedirlles realizar o seu traballo. A Guarda Civil identificou os individuos e comprobou que o copiloto estaba en estado ebrio.