VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .-O eurodeputado popular Francisco Millán Mon acudiu este martes a Salceda de Caselas para estar máis de preto con todos os veciños, achegarlle os proxectos do seu partido e escoitar as inquedanzas e dúbidas dos salcedenses.
O candidato ao Parlamento Europeo nas próximas eleccións do 7 de xuño percorreu as rúas de Salceda acompañado de Emma Pereira, presidenta da Xestora local, Santiago Rodríguez, vicepresidente, e demais concelleiros populares, repartindo sorrisos, saúdos e, como non, propaganda electoral a todos os veciños cos que se atoparon.
“A presenza de Millán Mon nesta vila demostra que Salceda é importante a nivel local”, sinalaba Rodríguez, “reforzando á vez o seu papel en Galicia”, engade. Pensando xa nas vindeiras eleccións municipais, o vicepresidente da Xestora subliñaba que “a vitoria en Salceda do PP o día 7 de xuño será crucial para o que logo se aveciña”.
Millán Mon presidiu unha charla-coloquio no Centro Social Devesa, arroupado por centos de veciños, centrando o seu discurso na importancia do Parlamento Europeo para Galicia. “Coa entrada en vigor do Tratado de Lisboa, o Parlamento Europeo verá reforzadas as súas competencias e converterase nun colexislador ao mesmo nivel que o Consello, deixando de ser un órgano meramente consultivo”, sinalaba o eurodeputado; “e farao, precisamente, en áreas que afectan moito a Galicia como a pesca, o sector agrícola e gandeiro e o comercio exterior”, engadía. Millán Mon remataba apostando polo Partido Popular, “que velará sempre polos intereses de todos os españois e galegos; porque estas eleccións confirmarán o mesmo triunfo que tivo o PP con Feijóo en Galicia”, concluía.