VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .-A deputada do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, rexistrou unha iniciativa parlamentar na Cámara Baixa na que pede ao Ministerio de Fomento alternativas para resolver definitivamente os problemas de inseguridade vial na A-55 ao seu paso polo concello de Mos.
Nese sentido, pregunta ao Ministerio en que situación se atopa o proxecto de variante de trazado á actual A-52 entre Vigo, Mos e Porriño. Quer saber que solucións ten Fomento para o tráfico pesado e se incorporou as alegacións realizadas polos concellos afectados.
Tamén interpela ao Ministerio sobre se estudou alternativas para conectar o segundo cinto de Vigo coa nova infraestrutura no futuro enlace de Baruxáns.
As curvas de Tameiga son unha auténtica trampa mortal
A deputada do BNG reprocha a Fomento a “demora dun proxecto fundamental para mellorar a seguridade vial dun punto negro recoñecido e cualificado como un dos piores das estradas do Estado español”. Nese sentido, fala da perigosidade das denominadas curvas de Tameiga, de “feito no último ano se contabilizaron 58 accidentes con 81 persoas feridas”.
Para a parlamentar nacionalista “a mellora deste trazado é unha cuestión urxente que non se pode someter a máis demoras”. “Está disposto o Ministerio a darlle prioridade á esta necesaria actuación xa que este trazado é unha auténtica trampa mortal para os conductores desta autovía”.
Olaia Fernández Davila subliña que o único que fixo Fomento foi adoptar medidas que non afectan ao fondo do problema que é o deseño do trazado. “O verdadeiro problema continúa pendente sen que existan auténticos compromisos orzamentarios e sen que haxa unha decisión firme ao respeito”.