PONTEAREAS (MORRAZO-tribuna) .- O BNG afirma que o Alcalde recoñeceo no pleno que mentiu sobre a tramitación do PXOM : "O Alcalde de Ponteareas, Salvador González Solla, recoñeceu no pleno deste xoves que mentira nas declaracións á prensa, realizadas no pasado mes de marzo", sinala o BNG nun comunicado. Salvador G. Solla anunciara daquela que xa remitira a Xunta de Galiza o documento de inicio de Avaliación Ambiental Estratéxica do PXOM para o seu estudio pola Consellaría de Medio Ambiente.
Para o BNG, "Salvador González Solla trata de ocultar a súa ineptitude e incapacidade de tramitar o PXOM mentindo e enganando aos veciños/as do concello de Ponteareas, pois ao incumprimentos de todos estes anos temos que sumar o sinsentido dos dous últmos anos, nos que non se avanzou nada. Primeiro anulan o contrato coa empresa redactora do PXOM, logo contradicense unha vez maís e botan abaixo o acordo plenario de anulación para modificar o contrato e agora Salvador G. Solla recoñece que mentiu", “mais parece unha comedia de enredo e perda de tempo que a actuación municipal máis importe para o futuro de Ponteareas”, manifestou Bolívar González Portavoz Muncipal do BNG
Segundo González, “o Concello está en mans duns irresponsabeis, que incluso tiveron o cinismo de presentar en 2004 unha moción de censura alegando que a maioria absoluta do PP-UCPA serviría para axilizar a aprobación do PXOM e en 2007 voltaron a aliarse mentíndolle aos veciños asegurando que o PXOM estaría rematado como moito en dous anos”.
Dende o BNG "lamentamos que o concello de Ponteareas perdera máis de seis anos na elaboración do PXOM, despois de que a normativa urbanística de Ponteareas fora suspendida no 2002, polo PP na Xunta de Galiza. O PXOM é o instrumento que da solución ás cuestións máis importantes para Ponteareas: máis espazos públicos, equipamentos, parques e zonas verdes. A ordenación do territorio posibilita que o Concello poida dispoñer de terreos para equipamentos públicos como escolas infantís, residencias de maiores; terreos para vivendas de promoción pública, equipamentos culturais, a circunvalación de acceso a Ponteareas ou solucionar a demanda de aparcadoiro soterrado. Demanda que tampouco vai solucionar este goberno, despois de quedase estes días deserto o concurso que convocado para a sua construcción na praza de Bugallal".
Para o nacionalistas, a elaboración e tramitación do futuro PXOM de Ponteareas tense convertido no mellor exemplo da ineptitude, incapacidade e ineficacia do goberno local do Partido Popular