VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .-O Ministro de Fomento, José Blanco, respostou esta tarde ao portavoz do BNG no Congreso, Francisco Jorquera, que “me comprometo a que ante dun mes vou explicar os compromisos orzamentarios e os horizontes temporais do AVE a Galiza”. Unha clarificación, engadiu, que “quero compartir con todos, sobre todo co Goberno galego”.
Necesidade de despexar o calendario do AVE
Jorquera trasladou ao Ministro a demanda da maioría na Galiza para que se “despexe o horizonte de conclusión da conexión de AVE de Galiza con Madrid”. Por iso, formulou unha serie de cuestións a José Blanco: “qué previsións hai ao respeito? Que impacto temporal terá a modificación do trazado no proxecto? Cando empezarán as obras?”.
Jorquera pediu ao titular de Fomento que adquira o compromiso institucional para que haxa un calendario críbel e fiábel tanto das obras do AVE galego como o que atinxe á modernización da rede ferroviaria.
O deputado nacionalista trasladou ao Ministro de Fomento a conformidade do BNG coa redefinición do trazado do AVE na súa entrada a Galiza porque “ten múltiples vantaxes. Poderá chegar a unha velocidade de 300 Km/hora no canto dos 180-200 km/h”. Mais, sinalou, “é evidente que esta redefinición vai ter un impacto no calendario de execución das obras e na súa conclusión”. Para o parlamentar nacionalista “é razoábel a rectificación do proxecto, e asumimos que pode haber un retraso pero é indispensábel un calendario concreto”.
Manifestou a satisfacción do BNG porque é fundamental romper a demagoxia e falar con claridade”. Salientou que a chegada do AVE a Galiza ten un problema de nascemento, un “compromiso que verbalizou Aznar para amortiguar o desgaste polo Prestige pero nunca pasou dunha idea, sen concreción e orzamentos”. O que o BNG demanda é un calendario acompañado de instrumentos críbeis, “con Estudos Informativos, inicio de obras, execución e previsións orzamentarias para que sexa verificábel”. Jorquera considerou “razoábel” que o Ministro anuncie isto nun prazo dun mes.
Blanco asegura a Jorquera que cumprirá a Resolución acordada no Debate de Política Xeral co BNG
Jorquera fixo alusión a outros tramos do AVE galego, en concreto o relativo a Ferrol-A Coruña, Pontevedra ou Vigo. Preguntou polas previsións temporais para todo o itinerario do Eixo Atlántico, desde Ferrol a Tui. Lembrou o acordo da Comisión Europea respeito ao tramo Vigo-Porto que obriga a iniciar as obras antes de xuño de 2010. “Está o Ministerio en condición de asegurar ese prazo?”.
Puxo enriba da mesa a conexión Ferrol-A Coruña. “Existe unha planificación dos investimentos que se recollen nos Orzamentos Xerais do Estado, a iniciativa do BNG, para este tramo? Cal é o estado do Estudo Informativo do Ferrol-Betanzos? En que estado se atopa a entrada a Ferrol? Está en condicións de ser executado?”.
En canto, ao Ferrol-A Coruña o Ministro de Fomento ratificou “o que acordamos no Debate de Política Xeral. Eses serán os horizontes temporais”. Aquí dixo que algúns dos proxectos están en redacción e outros en Información pública.
Mellorar FEVE de Ferrol a Xixón
Francisco Jorquera aproveitou a comparecencia de José Blanco para falar tamén do estado deficitario da liña de FEVE entre Ferrol e Xixón. “Facer ese percorrido tarda 7 horas en substanciarse”. Por iso, recalcou é necesario mellorar os servizos de Feve e adecuar os seus horarios a fin de que permitan a combinatoria con outros trens de Renfe.
José Blanco afirmou compartir co BNG a mellora de Feve ao mesmo tempo que aclarou que o AVE Cantábrico non é unha prioridade. Sinalou que “calquera actuación para mellorar Feve vouna ter en conta como unha actuación importante na liña do dito por vosté de facer un uso racional dos recursos públicos”.