VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .-.- A Consellería de Economía e Industria, que dirixe Javier Guerra Fernández, lamenta, unha vez máis, a actitude do Goberno central en relación coas axudas económicas destinadas á automoción, e sostén que o titular do Ministerio de Industria, Miguel Sebastián, segue a confundir á opinión pública galega sen ter en conta a postura do Goberno da Xunta que preside Alberto Núñez Feijóo.
O titular da Consellería de Economía e Industria recorda que o Plan ‘re-Móvete’ do Goberno autonómico foi consensuado con todo o sector galego –algo que non fixo o Goberno central a nivel estatal-, e salienta que a reunión que onte mantivo en Vigo cos representantes dos maiores concesionarios de Galicia foi altamente positiva. De feito, os representantes dos vendedores amosaron o seu apoio á iniciativa da Xunta e desvelaron que xa non teñen ningún tipo de dúbida para aplicar as subvencións de ata 1.500 euros que contempla o Plan ‘re-Móvete’.
O Plan ‘re-Móvete’, recorda o conselleiro, está pensado por e para Galicia, e nace consensuado con todo o sector da automoción tras celebrar diversas reunións co director da factoría PSA Peugeot-Citröen, cos concesionarios e co clúster do automóbil. Unha das principais novidades é a especial atención que lle presta ás PEMES e ós autónomos, con especial fincapé ás pertencentes ós “sectores prioritarios”, entre os que se encontran a agroindustria, o téxtil, o sector naval, as rochas ornamentais, o audiovisual e o turismo, xa que estes, lembra, “son sectores especialmente prexudicados polos efectos da crise”.
Respecto ás axudas plantexadas, estas superarán en ata un 300% o Plan E2000 presentado polo Goberno Central co que ademais é compatible. No caso dos vehículos comerciais, onde as axudas ascenden ata 1.500 euros para os sectores prioritarios, o conselleiro recalcou que dita prestación é superior ás aboadas por calquera país da Unión Europea así como polo resto das comunidades autónomas españolas.
Consciente da forte caída das ventas e do potencial deste sector en Galicia, Javier Guerra indicou que este plan se elaborou “pensando na estrutura da oferta e da demanda existente en Galicia tendo en conta as nosas necesidades”.
O Plan re-Móvete contará cun orzamento inicial de seis millóns de euros e a súa vixencia se extende ata o 31 de decembro do ano 2009, será financiado a través do IGAPE e xa se pode tramitar dende onte dende os concesionarios.
Poderanse beneficiar todas aquelas persoas físicas e xurídicas con domicilio en Galicia dende o 1 de xaneiro do 2009. Ademais, no caso das empresas, deben estar de alta nos IAEs perceptivos con anterioridade ó 18 de maio do 2009.