VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .- A Consellería do Medio Rural mellorará o Banco de Terras para que os gandeiros da Comunidade dispoñan de maiores garantías na cesión das súas terras. O departamento que dirixe Samuel Juárez entende que, para que este organismo funcione, é necesario que se elimina o intervencionismo co que o bipartito o deseñou.
A Consellería do Medio Rural remarca que o Banco de Terras, tal e como está concebido, non funciona, xa que provoca desconfianza entre os propietarios das terras. Así, salienta que, a pesar da publicidade co que o bipartito o puxo en marcha, os seus resultados son moi pobres.
Coa mellora do Banco de Terras, a Consellería pretende premiar a circulación de terras porque entende que o abandono de superficies moi productivas é algo que Galicia non se pode permitir, sobre todo nun momento no que, debido a crise económica, o obxectivo é abaratar os custos de producción. A Xunta de Galicia persegue, coa mellora do Banco de Terras, incrementar a base territorial, o tamaño, das explotacións gandeiras, ademais de beneficiar tanto aos propietarios que cedan as súas terras como aos gandeiros que ás necesiten.
O departamento que dirixe Samuel Juárez lembra que o programa electoral do Partido Popular no ano 2005 incluía xa o Banco de Terras, ademais dun Plan de Desenvolvemento Rural, que non contemplaban, sen embargo, as medidas intervencionistas co que finalmente o aprobou o bipartito.