VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .-A 45 edición do Rallye Rías Baixas Vodafone Gran Premio Turismo de Vigo está superando as súas expectativas tanto en espectáculo deportivo, como en presenza de afeccionados, sen esquecernos da calor, que tamén quixo facer acto de presenza e a primeira hora da mañá xa se superaban os vinte grados de temperatura. Pero isto non foi impedimento para que Sergio Vallejo (Porsche 911 GT3) deixase a sua impronta nos primeiros tramos do día (As Neves e Covelo), como xa fixera o venres pola tarde no tramo de Samil, o que lle permite situarse líder provisional desta proba puntuable para o Campionato de España de Rallyes. Así, o piloto lucense marcou os mellores tempos nas Neves e Covelo, sobre todo neste segundo tramo do día, onde sacou máis de once segundos ao actual líder do Campionato, Miguel Fuster (Porsche 911 GT3), que tampouco se sentiu cómodo nas Neves, onde foi cuarto. O terceiro en liza é Xevi Pons (Mitsubishi Lancer Evo X), que tras ser segundo no primeiro tramo do día, baixou ata a terceira posición en Covelo, o que lle permite manterse á roda de Sergio Vallejo á espera do que ocorra nos seguintes tramos.
Non lle van tamén as cousas ao vencedor do ano pasado, Enrique García Ojeda (Subaru Impreza WRX STI), que está cuarto na xeneral a case corenta segundos dos irmáns Vallejo. Pese a todo, o piloto cántabro non baixa os brazos e intentará sacar o mellor de si no que resta de proba para sorprender aos seus principais rivais.
O quinto en liza é o galego Víctor Senra (Mitsubishi Lancer Evo X), seguido moi de preto por Alberto Monarri (Mitsubishi Lancer Evo X) e por outros dous galegos, Pedro Burgo (Mitsubishi Lancer Evo X) e Alberto Meira (Mitsubishi Lancer Evo X). O piloto gondomareño fixo unha boa pasada polas Neves, pero tivo problemas co bang-bang e non puido recuperarse para Covelo, onde marcou o décimo sexto mellor tempo.
A Mitsubishi Evo Cup está liderada por Xevi Pons, seguido a máis de 23 segundos polo galego Víctor Senra, mentres a terceira posición é para Alberto Monarri.
No Trofeo Suzuki Swift a primeira posición está en mans de Estebán Vallin, ao que lle segue Pablo Pazó e Manuel Souto.
O que non se baixa do liderato no Grupo N é Xevi Pons (Mitsubishi Lancer Evo X), que lle saca once segundos a Enrique García Ojeda (Subaru Impreza WRX STI), que ten por detrás ao galego Víctor Senra (Mitsubishi Lancer Evo X).
A calor non importa
As altas temperaturas que azotan estes días as Rías Baixas non foron, nin son, impedimento para que miles de afeccionados, chegados desde todos os lugares, abarroten os arcenes da estrada para gozar con este gran espectáculo deportivo.