VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .-A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza ten convocado para o vindeiro venres 12 de xuño, ás 12.00 horas, á Mesa Sectorial da Xustiza, na que estarán o conselleiro, Alfonso Rueda, o director xeral de Xustiza, Juan José Martín, e os sindicatos que representan ao sector –UGT, CC.OO., CIG, CSIF e SPJ-USO-.
Ante as críticas sobre a situación da xustiza galega vertidas hoxe pola plataforma sindical que engloba estas organizacións, a Consellería de Presidencia recorda que a Mesa Sectorial é o mellor foro para trasladar este tipo de inquedanzas e amosa a súa sorpresa polo feito de que non as expresaran nas reunións que xa mantivo con UGT e CSI-CSIF o director xeral de Xustiza, que mañá ten previsto reunirse con CC.OO. e que desde que chegou ao cargo hai agora tres semanas sempre manifestou a súa disposición ao diálogo coas forzas sindicais.
A Xunta comparte a preocupación dos sindicatos pola situación da xustiza galega, aínda que tamén ve chamativo o feito de que, tras catro anos sen pronunciamentos por parte da plataforma, as organizacións se amosasen hoxe reivindicativas en prol da mellora da xustiza galega, un obxectivo no que a Consellería que dirixe Alfonso Rueda traballa desde o mesmo día da súa toma de posesión.
Nese sentido, hai que recordar que a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza tivo que aprobar con urxencia o pagamento a avogados e procuradores dos custes do servizo de asistencia xurídica gratuíta correspondentes ao último cuadrimestre de 2008, que deixara pendente o bipartito. Ademais, o propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, comprometeuse nunha reunión co presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Miguel Ángel Cadenas, a realizar un plan de medidas urxentes de tecnoloxía da información en materia de xustiza para alixeirar os procesos xudiciais. Ademais, ante a necesidade de axilidade na cobertura das baixas, a Dirección Xeral de Xustiza está a baremar as solicitudes tras facer unha nova bolsa de traballo.
En canto á petición dos sindicatos para que se prescinda do subdirector xeral de Novas Tecnoloxías da Xunta, Miguel Formoso, a Consellería de Presidencia nega que este teña enviado ningún mensaxe ameazante ou tente coaccionar aos funcionarios do sistema xudicial galego.
Finalmente, a Dirección Xeral de Xustiza amosou unha vez máis a súa sorpresa polo feito de que este descontento sindical saia á luz agora, pouco máis de un mes despois de tomar posesión o novo Goberno e cando o subdirector xeral ao que se fai referencia leva catro anos no seu posto e oito ocupando cargos de responsabilidade en materia de Xustiza en Galicia.