VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .-O presidente da Deputación, Rafael Louzán, e o deputado delegado de Deportes, José Enrique Sotelo, recibiron hoxe no Pazo Provincial ó Club de Balonmán Cangas con motivo do seu ascenso á liga Asobal, a máxima categoría deste deporte. No acto estiveron presentes todos os xogadores, o presidente do equipo, Manuel Camiña; o vicepresidente, José Manuel Moldes; o delegado, José Piñeiro; e o entrenador Curro Lucena.
O titular do organismo provincial manifestou o seu “orgullo” por esta xesta e animou ó equipo para traballar duro e conseguir manterse neste nivel. No que respecta á Deputación, manifestou “xa temos aprobados nos orzamentos do 2009 unha importante achega económica para respaldar a actividade do club”.
Así mesmo, avanzou “colaboraremos a través do plan para a compra de coches na adquisición dun vehículo de 17 prazas para facilitar os desprazamentos dos 11 equipos que conforman as categorías inferiores”.
Louzán destacou que “o patrimonio máis importante de Frigoríficos do Morrazo son os afeccionados que cada quince días acoden ó voso pavillón para apoiarvos”, sobre este respecto, o presidente destacou que “todas as veces que fun a ver algún partido quedeime impresionado pola implicación do público”.