VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .- A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, lamenta a actitude dos sindicatos que, na mañán de hoxe, abandonaron unilateralmente a reunión da Mesa Sectorial Docente Non Universitaria, a pesar de que, por deferencia a eles, achegouse ata a mesma o Director Xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal a explicar un asunto que mesmo non formaba parte da orde do día.
A pesar de que a Mesa Sectorial levaba outro guión de temas ben diferente, os sindicalistas esixiron, antes de principiar a reunión, a retirada da circular enviada pola Consellería aos inspectores, petición que non foi aceptada por José Manuel Pinal. O Director Xeral lembroulles que se trataba dun documento de traballo que non fora enviado aos centros, como eles sostiñan, senón ao corpo de inspectores para que estes, no exercicio dun traballo de seu, proporcionen á Consellería a información solicitada.
Pinal asegurou que ainda non se tomou medida algunha e que só se está a recabar unha información que será presentada aos sindicatos na Mesa Sectorial correspondente. “Ata a data de hoxe –manifestou- non houbo nin incremento nin diminución do número de unidades en ningún centro”.
A pesar de que o Director Xeral interrumpiu un encontro con FETE-UGT por deferencia ás reclamacións dos membros sindicais da Mesa, a pesar das explicacións que lles ofreceu, e a pesar de que se amosou receptivo en contemplar as particularidades específicas de cada centro, caso por caso, os representantes sindicais erguéronse e abandonaron a reunión, nun xesto nada dialogante e escasamente democrático.