VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .- O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, desprazouse hoxe á localidade lusa de Oporto para manter unha entrevista cos responsables da rexión Norte de Portugal, cos que analizou o estado en que se encontran as relacións entre Galicia e Norte de Portugal e concordou na necesidade de impulsar e profundizar na cooperación interrexional.
O director xeral entrevistouse co presidente da Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte de Portugal, Carlos Lage, e coa vicepresidenta, Ana Teresa Lehmann, que lle trasladaron o seu desexo de celebrar antes do verán un novo cónclave galaico-portugués no que esté presente o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo.
Jesús Gamallo comprometeuse a trasladar a invitación ao máximo mandatario galego e incidiu na necesidade de superar a desaceleración vivida nestes últimos anos na cooperación entre Galicia e Portugal. Dese xeito, destacou a importancia de recuperar o bo pulso de etapas anteriores e de impulsar e reorientar a cooperación para que a alianza con Portugal se convirta en algo real e permanente, superando os meros contactos institucionais para implicar a toda a sociedade.
O director xeral colocou a Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal como o mellor instrumento para liderar aos distintos actores implicados na cooperación e para poñer en valor os recursos. Ademais, fixo especial fincapé na necesidade de traballar na colaboración a ambos lados da fronteira e impulsar as relacións culturais e no ámbito universitario.
Finalmente, tanto os responsables portugueses como o galego congratuláronse pola decisión da Unesco de declarar como reserva da biosfera ao Parque Natural Xurés-Gêres, que no seu momento foi o primeiro parque natural transfronteirizo de Europa e que agora pasa a ser a primeira reserva da biosfera transfronteiriza da Península Ibérica.