O PORRIÑO (MORRAZO-tribuna) .-.- O Partido Popular de O Porriño organiza este sábado, día 30 de maio, no Restaurante Manolo, unha charla-coloquio onde Javier Guerra, conselleiro de Economía e Industria, manterá un diálogo distendido con empresarios, comerciantes e autónomos da comarca da Louriña. “Trátase dunha oportunidade para escoitar as propostas do conselleiro e tamén para preguntarlle sobre as solucións a problemas concretos da zona e do seu tecido empresarial”, explica Manuel Carrera presidente do PP local.
Á xuntanza está prevista a asistencia de representantes dos sectores da construcción, automoción, madeira, granito, hostelería, comercio, alimentación e farmacéutico, así como membros do CETAG, da AIMEN, da recentemente creada Federación de Comerciantes e das asociacións de empresarios dos polígonos de As Gándaras e A Granxa.
Empresarios, comerciantes e autónomos transmitiranlle ó conselleiro os diferentes problemas e incógnitas cos que se están a atopar, como son a existencia de convenios de colaboración, asinados o pasado ano entre a Consellería de Innovación e Industria e o Concello de O Porriño, que a día de hoxe o goberno local aínda non levou a cabo; tamén a creación dunha posible saída á autovía A 55 na parte norte do polígono de A Granxa en dirección Vigo-Pontevedra; a urxentísima posta en marcha da EDAR de Guillarei; a ubicación de infraestruturas dotacionais, tan necesarias como é unha gardería, no Parque Empresarial de As Gándaras e a supresión da peaxe na AP 9 Vigo-Porriño, entre outras moitas cuestións ás que se lle tratarán de buscar resposta e solución.